Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 16:25
Ferrol será despois de Vigo a segunda cidade de Galicia que máis fondos recibirá do Estado para a rehabilitación de vivendas, cos que levarán a cabo 3.000 actuacións e a construción de 1.100 vivendas para aluguer social "en edificios enerxeticamente sustentables".
Así o destacou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, durante unha visita a unha vivenda que se beneficiou de convocatorias anteriores, situada no barrio da Magdalena, onde estivo acompañado polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE).
Alí, a responsable do Executivo na provincia coruñesa incidiu en que Ferrol "será a segunda de Galicia, só superada por Vigo", en fondos consignados para a rehabilitación nas zonas Aris (Areas de Rehabilitación Integral), "con ata 1,7 millóns de euros, dos cales o Goberno achegará 1,3 millóns e a Xunta os 400.000 euros restantes"
María Rivas asegurou que o Ministerio de Transportes transferirá en breve á Xunta os primeiros 67,2 millóns de euros para a rehabilitación de barrios, edificios, actuacións de mellora de eficiencia enerxética, redacción de proxectos ou programas de apoio ás oficinas de rehabilitación
"Esta será a primeira anualidade, que se repetirá o próximo ano ata sumar 134,5 millóns de euros para os fogares galegos, xa que o Plan de Recuperación supón un impulso á rehabilitación e a rexeneración urbana como nunca antes se fixera", detallou.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol lembrou que 650 vivendas deste municipio rehabilitáronse na última década grazas ás achegas públicas, "con ata 13 millóns de investimento, dos cales catro foron axudas directas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.