Centros de investigación e universidades galegas recibirán máis de 15 millóns para equipamento científico

Servirán tamen para apostar pola carreira científica e financiar proxectos de investigación.

Por E.P. | VIGO | 17/11/2021 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

Centros de investigación e universidades de Galicia recibirán algo máis de 15 millóns de euros para equipamento científico no marco dunha convocatoria do Ministerio de Ciencia e Innovación, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Así o anunciou este mércores o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante unha visita á sede do Centro Oceanográfico de Vigo, onde visitou as instalacións acompañado polo seu director, Pablo Carreira; polo delegado institucional do CSIC en Galicia, Javier Rei; e pola subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba.

Miñones lembrou que o Plan de Recuperación prevé un investimento de 3.456 millóns de euros para o impulso da ciencia e a investigación. No caso das subvencións para equipamento científico, Galicia beneficiarase de 21 axudas por valor de 15,1 millóns, que se destinarán ao Centro Oceanográfico de Vigo (1,2 millóns), ao Instituto de Investigacións Mariñas (1,6 millóns), á Universidade de Vigo (3,5 millóns), á Universidade de Santiago (6,4 millóns) e á Universidade da Coruña (2,3 millóns).

O delegado do Goberno incidiu en que os fondos que o Goberno destinará ao impulso da ciencia teñen como finalidade non só modernizar as instalacións e equipamentos, senón que tamén supoñen unha aposta pola carreira científica, a atracción de talento e o financiamento de proxectos de investigación.

Durante a súa visita ao Centro Oceanográfico, Miñones tamén subliñou que esta sede é unha "referencia" da investigación no ámbito mariño e dos recursos pesqueiros, e destacou que a cidade de Vigo, con estas instalacións e co seu Campus do Mar ou co Instituto de Investigacións Mariñas, aglutina a 3.000 investigadores que traballaron en máis de 6.000 proxectos nos últimos anos.

Pola súa banda, o director do Centro, Pablo Carreira, explicou que as axudas para equipamento científico servirán para impulsar dúas iniciativas: unha investigación sobre cambio climático e especies de interese comercial, e outra sobre integración de especies en técnicas de pesca.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, xunto ao director do Centro Oceanográfico de Vigo, Pablo Carreira, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, xunto ao director do Centro Oceanográfico de Vigo, Pablo Carreira, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta