Comezan os traballos para coñecer as orixes da capela de Novais, en Val do Dubra

Están a realizar tarefas de prospección arqueolóxica, estudo e documentación dos restos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2021 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A Xunta iniciou hai días os traballos de prospección arqueolóxica, estudo e documentación dos restos da antiga capela de Novais, no concello de Val do Dubra.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto ao alcalde, José Manuel Varela, informou desta actuación, que permitirá coñecer as orixes desta edificación.

Enmárcase no obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de pór en valor os xacementos arqueolóxicos máis significativos da comunidade.

En concreto, a intervención centrarase en investigar este ben para documentalo de face á súa catalogación e protección. Para iso, vaise a realizar unha prospección arqueolóxica "intensiva" dos restos da capela e da contorna "inmediata", así como un estudo histórico que incluirá, polo menos, a procura de información nos arquivos parroquiais próximos ao lugar e no Arquivo Histórico Diocesano.

Ademais, aproveitarase para facer un rexistro 3D do ben mediante fotogrametría. Por outra banda, no ámbito divulgativo, e en colaboración co Concello, realizarase unha visita comentada ao lugar unha vez terminada a actuación para dar a coñecer o estudo realizado e os valores propios do sitio.

Finalmente, elaborarase unha ficha de inventario e unha memoria na que se recompile toda a documentación de face á súa catalogación.

A Xunta estuda o pasado da capela de Novais. XUNTA
A Xunta estuda o pasado da capela de Novais. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta