Bugallo ve "totalmente viable" a taxa turística en Santiago pero lembra que é competencia da Xunta

Considera que "posiblemente" os peregrinos "deberán recibir un tratamento diferencial" se se aplica este imposto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou que implantar unha taxa turística "é totalmente viable" pero sinalou que é unha cuestión que corresponde lexislar á Xunta de Galicia.

"É totalmente viable. Outra cuestión é que a queiran facer ou non", sostivo este venres nunha rolda de prensa despois da aprobación no pleno municipal dun acordo que pedía á Administración autonómica crear e regular unha taxa turística que permita gravar as estancias con ou sen pernoctación.

Nunha intervención na que lembrou que Cataluña e Baleares teñen aprobada esta taxa, Bugallo sostivo que "cando unha comunidade autónoma aproba a lei, aproba tamén en que condicións se pode aplicar a taxa e a quen".

"É certo que en Santiago temos algunha situación excepcional", sinalou en referencia aos peregrinos para asegurar que "posiblemente deberán recibir un "tratamento diferencial". Ademais, tras referirse tamén aos "excursionistas" ou "visitantes dun día", sostivo que "hai moitas variables que deben de ser determinadas".

Con todo, incidiu en que todo parte dun "principio" que é que a Comunidade autónoma poida estar disposta a estudar e regular este tema. "Isto deberao decidir a Comunidade autónoma, que ata agora sempre manifestou a súa oposición", subliñou.

"Mentres iso non sexa lei, digamos que é falar e razoar pero sen ningunha posibilidade nin proxección real", sostivo.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta