Sogama "estuda posibles sinerxías" cunha planta de Dinamarca

Así o informa a Xunta despois da viaxe institucional realizada esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á capital danesa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) solicitará unha reunión con responsables da planta eléctrica de Copenhill, en Dinamarca, para "estudar posibles sinerxías" entre estas instalacións e as da planta de residuos de Cerceda. Así o informa a Xunta despois da viaxe institucional realizada esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á capital danesa, ao ser convidada pola embaixada de Dinamarca en España.

O obxectivo desta visita, explica o Goberno galego, era "intercambiar experiencias e coñecementos" sobre eficiencia enerxética, modelos de construción sustentables e desenvolvemento da axenda urbana. No transcurso da viaxe, a conselleira de Medio Ambiente visitou Copenhill, unha central eléctrica de conversión de residuos en enerxía e cuxas instalacións destacan "tanto pola singularidade arquitectónica do edificio como pola súa polivalencia".

De feito, esta planta foi deseñada para ser tamén unha infraestrutura pública, xa que conta con varias rutas de sendeirismo, pistas de esquí artificial no tellado e un muro de escalada na fachada. Todo iso co fin de integrala na súa contorna e que sirva de espazo aberto de lecer para veciñanza e turistas. Así, para "seguir estreitando" lazos entre Galicia e Dinamarca, indica a Xunta, Sogama solicitará unha reunión técnica cos responsables Copenhill co obxectivo de "analizar ambos os modelos, coas súas similitudes e diferenzas e estudar posibles sinerxías".

E é que, segundo destaca a Consellería, ambos os complexos "ocupan unha posición de vangarda en Europa". Non en balde, das 12 plantas que hai deste tipo en España, a de Cerceda é a de "maior capacidade --un millón de toneladas ao ano--, a máis moderna e eficiente", así como unha das "máis avanzadas do mundo, a nivel tecnolóxico e de eficiencia".

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, nunha visita a Dinamarca.. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, nunha visita a Dinamarca.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta