Doan máis de 200.000€ para que os bancos de alimentos sigan funcionando no Nadal

O importe foi reunido en tan só 9 días nos supermercados da cadea Gadis.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os supermercados galegos volven ser continente de solidariedade fronte ás dificultades económicas de amplas capas de poboación. Semanas despois de culminar unha recollida de produtos destinadas ás protectoras de animais, unha nova campaña, acollida pola cadea Gadis, vén de sumar máis de 200.000€ en produtos que foron achegados caritativamente polos seus clientes en tan só 9 días deste mes de novembro.

Gadis súmase á campaña 'A Gran Recollida' en favor dos Bancos de Alimentos. GADIS
Gadis súmase á campaña 'A Gran Recollida' en favor dos Bancos de Alimentos. GADIS

A campaña, desenvolta baixo o nome de "A Gran Recollida", vén organizada pola Federación Española de Banco de Alimentos (FESBAL), á que se uniu a cadea galega con sede en Piadela e que, dende o venres 19 ao domingo 28 de novembro fixo instalar en 196 puntos de venda de Galicia e Castela e León a posibilidade de doar os devanditos alimentos. 

A compañía destaca a vaga de solidariedade e fai chegar aos clientes “o noso aplauso e agradecemento sincero por sumarse, non só a esta iniciativa, senón a todas as que emprendemos desde a empresa co obxectivo de contribuír a construír unha sociedade mellor entre todos”, explican. Os alimentos irán parar a once bancos cos que xa colabora de forma habitual, orientados ás principais cidades galegos e de Castela e León.

A compañía, que destaca cooperar con esta campaña desde o 2014, apunta que comezará a distribuír nos próximos días o importe correspondente a cada entidade para que poidan trocalo nos establecementos polos produtos de alimentación e hixiene que máis necesiten. A fórmula da doazón económica permite aos bancos de alimentos seleccionar os artigos que se axustan ás súas necesidades e no momento exacto no que os precisan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta