Denuncian que o maior xestor de residuos de Galicia operou sen licenza durante 6 anos

A Marea Veciñal de Touro demanda ao Goberno local que faga cumprir legalidade e a normativa urbanística á mercantil que convertiu ao Concello no "maior váter de Galicia".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2021 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

O Pleno extraordinario do Concello de Touro celebrado o pasado luns 29 de novembro e relativo ao procedemento de renovación da modificación substancial da Autorización Ambiental Integrada (AAI) á mercantil Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN S.L.) deixou ao descuberto "feitos inimaxinables" para a veciñanza, segundo vén de denunciar a Marea Veciñal de Touro.

Críticas polos malos cheiros da planta de residuos de Touro
Críticas polos malos cheiros da planta de residuos de Touro | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Así, sosteñen que dende a súa implantación no ano 2005 ata o ano 2011 a empresa estivo a operar con residuos de carácter urbano e industrial sen licenza de actividade. E todo, censuran, a pesares das "numerosas queixas veciñais e denuncias públicas polos pestilentes e persistentes" cheiros orixinados nas súas instalacións situadas nos terreos da antiga mina de Touro, "que están a xerar un grave problema de saúde pública no ámbito municipal".

A Marea Veciñal de Touro explica que foi no 2011 cando o Concello concedeu a Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. a súa primeira licenza de obras e actividade, sen que a día de hoxe se teña acreditado que esté en posesión da habilitación necesaria por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para a ocupación dos terreos e o inicio de tarefas. Todo isto, denuncian, non impediu que TEN continuase a operar baixo a súa propia "normalidade" ata converterse segundo a súa información corporativa en "líder en Galicia con máis de 135.000 toneladas de residuos tratadas ao ano" en "52.000 m2 de instalacións".

Ademais afirman que estes feitos se agravan ao ter en conta que durante a tramitación das licenzas 2non consta informe favorable algún do organismo competente en materia de Minas".

O Grupo Veciñal de Touro demanda que Ignacio Codesido Barreiro (PP), alcalde de Touro, faga cumplir como rexedor municipal a legalidade e a normativa urbanística a unha mercantil que operada só por dez empregados logrou converter ao concello "no maior váter de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta