O "99%" dos ordenadores e móbiles pedidos por Nadal poderían sufrir atrasos na entrega

Así o apunta unha compañía galega, que advirte tamén unha suba de prezos: "a industria tecnolóxica enfronta un dos momentos máis complicados"

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A crise de materias primas e carburantes segue cobrando vítimas. Tras a suba da luz chega a escaseza e demora en moitos produtos electrónicos que estabamos acostumados a consumir e recibir con velocidade. Non será así este Nadal, onde boa parte dos ordenadores, smartphones, cámaras e demais utensilios poderían demorarse na súa entrega como consecuencia deste contexto de crise. 

Un smartphone ou móbil
Un smartphone ou móbil | Fonte: Fonte: Torsten Dettlaff en Pexels

Así o aseguran dende a empresa galega Primus, que cifra no "99%" a porcentaxe de pedidos de computadores que "sufrirá atrasos ou escaseza ata Nadal". A empresa, con dúas décadas de percorrido e sede no Parque Tecnolóxico de Gaicia, asegura que contan con provisión dos compoñentes necesarios para seguir adiante coa produción agardada, pero que este paradigma non se repetirá en todas as empresas. 

"A industria tecnolóxica enfronta un dos momentos máis complicados dos últimos anos. Aventúranse escaseza, subida de prezos e atraso nas entregas", destacan. Á problemática da escaseza de compoñentes electrónicos --xa advertida na chamada 'crise dos microchips' únese agora a altísima demanda xerada nas semanas presentes, entre o Black Friday e o Nadal. "Os grandes fabricantes mundiais de tecnoloxía levan semanas alertando das dificultades xeradas no sector polas limitacións na pandemia, que provocaron un colapso da cadea loxística e, por tanto, escaseza de compoñentes, especialmente de  microchips e  semiconductores”, indica Toni Alvar, director de I+D da compañía-.

Outra consecuencia á marxe da escaseza, pero estreitamente vencellada, é a suba de prezos que xa parece afectar a estes dispositivos. Alvar asegura, neste aspecto, que “algunhas tarxetas gráficas chegaron a triplicar o seu prezo durante estes meses e agora hai verdadeiros problemas para conseguilas e a realidade é que non hai para todos ou que algúns fabricantes, se queren acceder a eses compoñentes, teñen que subir moito o prezo dos seus equipos, o que lles presentará problemas logo para vendelos” .

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta