Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 18:33
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou este mércores que Galicia busca "contribuír ao novo modelo enerxético a través da cooperación entre cidadanía, pemes e administracións". Conde expresouse así esta mañá durante a súa participación na xornada Comunidades Enerxéticas Locais, organizada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
O vicepresidente sinalou ademais que as comunidades enerxéticas locais favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, "axudando a crear emprego e fixar poboación no rural". "Cada día é máis evidente que a cidadanía, o tecido empresarial e os concellos galegos queren contribuír ao novo modelo enerxético de forma cooperativa, constituíndose como unha comunidade produtora e consumidora da súa propia enerxía de orixe renovable", asegurou Conde.
Entre as vantaxes que o departamento autonómico indica, presentan estas iniciativas, están a rebaixa dos custos enerxéticos dos socios, o aproveitamento dos recursos renovables e a contribución ao desenvolvemento social e económico do territorio onde se desenvolven. Aumentan ademais a independencia enerxética "fronte ás tensións que se están producindo no prezo da enerxía".
"As comunidades enerxéticas locais configúranse así como unha vía para mitigar a volatilidade do prezo eléctrico e para mobilizar capital privado cara aos obxectivos de transición enerxética", indicou Conde que, neste sentido, defendeu que o papel "como administración" ten que ser o de impulsar este tipo de proxectos.
A este respecto, o Inega conta con varias liñas de axudas que suman 37 millóns de euros para investimentos en renovables, autoconsumo e almacenamento enerxético das que as comunidades enerxéticas locais poden beneficiarse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.