Caballero anuncia que seguirá dando a batalla no PSdeG

Afíns a el levarán ao Congreso do PSdeG unha lista alternativa para o Comité Nacional con 400 delegados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

Afíns ao portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, levarán ao XIV Congreso Nacional Galego que o partido celebrará os próximos días 7 e 8 de decembro unha lista alternativa para a conformación do Comité Nacional composta por 400 persoas.

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves e ao ser preguntado pola celebración da cita que terá lugar os próximos días 7 e 8 de decembro, o que foi secretario xeral durante os últimos anos sinalou que "haberá listas alternativas" aos órganos nacionais se Formoso "segue desprezando o diálogo".

Gonzalo Caballero sostivo que, "a día de hoxe" e a menos dunha semana para que teña lugar a cita, aínda nin se sabe "cal é a estrutura do Congreso" nin o número de membros que se van a elixir o Comité Federal nin o Nacional.

Ante iso, dixo que "compañeiros" traballan en configurar unha lista de 400 delegados para que "poidan optar a conseguir representación e darlle voz á militancia e ás agrupacións" se "o secretario xeral electo segue teimudo non coller o teléfono e non abrir unha vía de diálogo con parte do socialismo galego".

Gonzalo Caballero sostivo que este evento, que supón o máximo órgano de decisión do partido, "debería afrontarse dunha forma moi distinta" a "como a está afrontando" Formoso, a quen acusou de "pechar as vías de diálogo" e "nin tan sequera porse en contacto con outra parte do partido" que conseguiu "o apoio do 40% da militancia".

"Estamos aínda na fase congresual, hai que elixir os órganos, hai momentos de votacións no congreso e gustaríame que houbese diálogo, acordo, e que o secretario xeral electo cumprise o que dixo ao longo da campaña e que a min me dixo fai tres semanas neste Parlamento", manifestou en referencia á integración.

TRASLADA A SÚA "MAN TENDIDA" AO DIÁLOGO

Gonzalo Caballero, que asegurou asumir "con tranquilidade e serenidade" a nova etapa que se abre no partido tras a vitoria de Valentín González Formoso nas primarias, trasladou a súa "man tendida" para dialogar.

Con todo, incidiu en que se non se produce este diálogo no Congreso, haberá "listas alternativas" que aspirarán a superar o 20% dos apoios para "poder dar voz no partido á militancia e ás agrupacións".

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Ademais, preguntado sobre o futuro da portavocía parlamentaria que el ocupa tras esta cita, Gonzalo Caballero sinalou que é ao partido quen lle corresponde propor os nomes para despois que o grupo elixa ao seu portavoz de acordo á normativa da Cámara. "Agora correspóndelle a outros establecer a folla de ruta e en min terán un aliado pero tamén un compañeiro con criterio que advertirá dos erros se se proceden", apuntou.

Con todo, dixo que non desAparecerá da esfera pública. "A vida son comas e puntos e seguido. Sempre hai que estar a redactar, escribindo, traballando, remando e pensando no benestar e a igualdade de Galicia", sostivo nunha comparecencia na que volveu a sinalar que ten un compromiso "de longo prazo" co seu partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta