O escritor Camilo Franco reinvéntase coa app "Piso Franco", unha readaptación do libro de peto

Trátase dunha aplicación de contido literario e xornalístico que se actualiza cada semana e dispoñible en catro linguas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/12/2021 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

O escritor, xornalista e creador Camilo Franco volve reinventarse e lanza, na véspera do Nadal, 'Piso Franco': unha aplicación de literatura breve dispoñible nas principais plataformas móbiles e en catro idiomas: galego, portugués, inglés e castelán.

O escritor Camilo Franco presenta a súa nova app 'Piso Franco'
O escritor Camilo Franco presenta a súa nova app 'Piso Franco' | Fonte: remitida

O narrador ourensán, que xa fixera literatura en páxinas web e en redes sociais, defende que a literatura debe adaptarse en cada momento ao soporte favorito do público e para demostralo publica a primeira aplicación móbil de contido literario e xornalístico do mundo. “O sorprendente é que que non sucedera antes”, afirma.

Piso Franco -que xa está dispoñible nas tendas de app de Apple e Android cun prezo de oferta de 9,99 euros e que a partir do 15 de xaneiro custará 14,99 euros anuais- ofrece, no momento do seu lanzamento, un volume de relatos similar ao que ofrecería un libro convencional ao que se irá engadindo contido novo cada semana.

Segundo informan, o 25% dos contidos son de acceso libre para quen descargue a aplicación, e ao resto só se pode acceder despois de pagar a cota anual. Para Camilo Franco, esta "novidosa aplicación" é “a nova versión do libro de peto”, a maneira na que un autor do 2021 pode comunicarse cos lectores, ao tempo que establece con eles e elas unha relación comercial de "tipo liviano".

O autor defende que usar esta aplicación é "moito máis sinxelo que usar Instagram" e afirma que o contido será “heterodoxo”: maioritariamente será literario, aínda que tamén haberá crítica, reporteirismo teórico e opinión máis ou menos decorada con realidades ou, viceversa, realidade máis ou menos decorada con opinión. “Un tipo de traballo”, salienta o autor, “que foi perdendo espazo no xornalismo, salvo en dúas ou tres firmas determinadas”.

A idea fundamental é que a narrativa breve ten outro soporte e que ese soporte vai condicionar dalgunha maneira o contido. Por un lado, polas actualizacións semanais e, polo outro, porque vai haber unha participación activa das lectoras e dos lectores, principalmente a través das redes sociais (Piso Franco ten perfís en Facebook, Twitter e Instagram). “Se é verdade iso que din os románticos de que a literatura é un bálsamo nos confinamentos”, engade Camilo Franco, “e xa está no móbil, non sei que máis podemos facer”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta