Medos Romero recolle o Premio de Poesía Afundación

Romero é diplomada en Enfermaría pola USC e traballa como enfermeira no centro de saúde da súa vila natal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2021 | Actualizada ás 21:09

Comparte esta noticia

A escritora Medos Romero recolleu este xoves o Premio de Poesía Afundación 2021 nunha gala celebrada na sede de Afundación en Ferrol. Case dous meses despois do fallo do xurado, emitido a mediados de outubro, a enfermeira e escritora afincada en Valdoviño agradeceu o recoñecemento nos premios que organiza anualmente a obra social de Abanca en colaboración coa Xunta e o Centro PEN de Galicia.

"Recibo o premio con moita ilusión, con moita satisfacción, pero con moita humildade, pois sei que a miña voz é unha das tantas do noso país", sinalou a premiada tras recoller o galardón. Alí, Romero explicou que a súa obra 'E o sol era Ela' fala dunha "infancia rota, dun racho brutal expresado a través dunha voz feminina".

"É un libro no que se aborda esa carencia que te leva ao sufrimento, ao desprezo, a ter que tentar unha reconstrución persoal para poder vivir dignamente. É, en definitiva, unha profunda escavación cara a dentro", sinalou Romeu.

Nada nas Pontes en 1959 aínda que veciña de Valdoviño, Romero é diplomada en Enfermaría pola USC e traballa como enfermeira no centro de saúde da súa vila natal. Na súa traxectoria como poeta e narradora destacan galardóns como o Miguel González Garcés de 2006 ou o Premio de Poesía erótica Illas Sisargas de 2019.

A escritora e enfermeira Medos Romero
A escritora e enfermeira Medos Romero | Fonte: wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta