Por X.M. Fernández | Allariz | 11/12/2021 | Actualizada ás 10:00
As actividades que deseñaron para este Nadal as Áreas implicadas do Concello de Allariz son amplas e variadas. Haberá humor, cinema, actividades infantís, concertos, obras de teatro e tamén actividades deportivas.
A Casa da Cultura de Allariz acollerá varias das propostas. O sábado 18 de decembro ás 22:30 h, Alberte Montes visitará a instalación municipal co seu espectáculo “Albertadas”. As entradas xa están a venda na Casa da Cultura por un custe de 3 € con tarxeta cidadá e 5 € sen ela.
O domingo 19 a Banda Unión Musical de Allariz ofreceranos un concerto no patio o IES de Allariz ás 12:30 h. E xa pola tarde haberá cinema da Casa da Cultura coa proxección de María Solinha ás 19:00 h.
Para os máis pequenos anotar o xoves 23, día no que haberá sesión de cinema coa película Onward ás 17:30 h. E tamén o luns 27, martes 28 e xoves 30 de decembro días nos que haberá obradoiros na Casa da Cultura. Para asistir é necesario anotarse previamente.
O mércores 29 chega á vila “Os nosos (ilustres) instrumentos" da man de Laura Romero na Casa da Cultura ás 17:30h. Para reservar entrada para este espectáculo deberá facerse na Casa da Mocidade de Allariz, no correo mocidade@allariz.gal ou no 988 680 343.
PROGRAMACIÓN XANEIRO 2022
As Súas Maxestades Os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas de Allariz nos soportais do Pavillón do IES como xa aconteceu no 2020. O horario será de 18:00 h. ás 20:00 h. controlando en todo momento as entradas e saídas ao espazo.
O venres 7 de xaneiro Sarabela Teatro chega a Allariz co seu espectáculo infantil “O secuestro da bibliotecaria”. O horario serás ás 17:30 h. na Casa da Cultura.
O sábado 8 de xaneiro está programado un espectáculo de narración oral a tres voces para público adulto baixo o título de “Divas de Diván”. Será a partir das 22:30 h.
O domingo 9 a Capela Madrigalista dará un concerto na Igrexa de Santiago ás 19:00h.
Para os espectáculos e obradoiros, agás o do mércores 29, poderase reservar entrada ou participación na Casa da Cultura de Allariz, no correo cultura@allariz.gal ou no 988 440 859.
A 'SAN SILVESTRE' ALARICANA
A Área de Deportes organiza coma todos os anos a Carreira Popular A Derradeira. A saída será dende a Praza Maior o día 31 de decembro ás 17:00 h. e a única condición para participar e que toda aquela persoa que se achegue a realizar a proba aporte alimentos non perecedoiros.
CASA DA MOCIDADE
Asemade dende a Casa da Mocidade organizan o Campionato de Arume 2021 do 20 de decembro ao 6 de xaneiro. Poderase participar só ou en parella.
Tamén lanzan un challenge en redes que se chama “Pala de canto”. Consiste no reto de dar golpes á pelota de ping-pong coa pa de canto. "Cantos golpes es capaz de dar coa pa de canto?" Todo mozo ou moza que queira poderá participar subindo un video facendo o reto a Instagram e etiquetando a @mocidadeallariz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.