O plan de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal captou 163 millóns de euros entre 2014 e 2020

O novo programa para o período 2021-2027 aspira a mellorar o anterior.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/12/2021 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O novo programa de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal aspira a mellorar o vixente para o período entre 2014 e 2020, que logrou captar 163 millóns de euros a través de 85 proxectos impulsados a través deste plan. Diso informou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, quen compareceu este mércores na Comisión 1ª da Cámara galega, onde repasou as accións da Xunta en materia de cooperación co norte do país luso.

Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal
Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal | Fonte: Xunta.

Así, Gamallo destacou que o novo plan para o período 2021-2027, aprobado xa no Consello da Xunta, incide en catro liñas estretégicas para "avanzar cara a unha eurorrexión máis competitiva e conectada que aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización".

Todo iso, continuou, tomando como base as leccións que deixa a pandemia de covid-19 e atendendo os "retos de futuro" aos que debe facer fronte a sociedade, como a descarbonización da economía, o reto demográfico e a transición enerxética.

Pola súa banda, os grupos da oposición, a través dos deputados Luís Bará (BNG) e Pablo Arangüena (PSdeG), puxeron o foco nas diferenzas que presentan Galicia e o norte de Portugal en canto a captación de investimentos.

Segundo o socialista, existe un "desequilibrio" entre estas rexións veciñas que está a provocar "que moitos centros de traballo marchen alí". "Carecemos da capacidade para fixar esta economía produtiva", aseverou Arangüena nunha crítica cara á xestión da Xunta para evitar a deslocalización de empresas.

Pola súa banda, Luís Bará censurou a "falta de participación activa" dos dous principais membros do Goberno galego, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o seu número dous, Alfonso Rueda; na cooperación transfronteiriza, como, di, demostra a súa "pouca" presenza en reunións deste tipo.

Para o nacionalista, o Executivo autonómico "presume moito" dunha cooperación co norte de Portugal que "en realidade ten poucos resultados" como, ao seu xuízo, demostra o "terreo gañado" por parte do país luso aos portos galegos, algo que atribúe a unha "cuestión de soberanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta