Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/12/2021 | Actualizada ás 16:53
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense desestimou o recurso de apelación interposto polo alcalde da cidade, Gonzalo Perez Jácome, contra a decisión do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, na que acordou admitir a trámite unha querela interposta pola Fiscalía contra el por mor dunha denuncia anómina por malversación das subvencións asignadas ao grupo municipal Democracia Ourensana.
Nese auto do pasado mes de outubro, o xulgado ordenou practicar as dilixencias solicitadas na querela e citar ao alcalde de Ourense o próximo 28 de decembro para tomarlle declaración como investigado.
Respecto diso, noutro auto notificado este xoves e do que informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG), a Audiencia Provincial destaca que o artigo 313 da Lei de Enxuizamento Criminal indica ao xuíz instrutor que inadmita a trámite a querela "cando os feitos en que se funde non constitúan delito ou cando non se considere competente para instruír o sumario obxecto da mesma".
Con todo, segundo subliña o tribunal, os feitos obxecto da querela "revisten unha aparencia punible que ha de ser obxecto de investigación polo xulgado de instrución". Ademais, apunta, como "exemplificativo do principio de proba" a existencia de dúas retiradas da conta do grupo municipal Democracia Ourensana por importe de 20.000 euros, no ano 2016, e por importe de 30.000 euros, en 2018, así como "a aplicación das asignacións destinadas ao funcionamento do grupo municipal ao pago de catro cheques a unha sociedade".
Os maxistrados sinalan que a numeración deses cheques, as datas e o importe de cada un se especifican na querela. Por tanto, considera que o xulgado instrutor debe investigar se os fondos das subvencións asignadas ao grupo municipal Democracia Ourensanna entre os anos 2015 e 2018 foron distraídos da súa aplicación pública. Contra a resolución da Audiencia Provincial non cabe presentar recurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.