DOCUMENTO.- "A nación dende a esquerda"

Un grupo de intelectuais, escritores e políticos critican o actual bipartito porque "non está respondendo ás expectativas creadas nin está poñendo as bases para unha solución profunda das nosas necesidades". Aseguran que a controversia non está na definición de Galicia como nación senón na súa "capacidade para decidir, ou sexa, no exercicio do Dereito de Autodeterminación". Por iso convocan ós galegos a unha manifestación durante o Día da Patria Galega baixo o lema "Construíndo a nación desde a esquerda...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 12/07/2006 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

None

POLO NOSO DEREITO A DECIDIR

Sendo de condición traballadora a inmensa maioría dos habitantes que conformamos a nación Galicia, carecemos hoxe dunha representación política que responda aos nosos verdadeiros intereses como clase e como pobo. A coalición que ocupa desde hai case un ano o Goberno da Xunta non está respondendo ás expectativas creadas nin está poñendo as bases para unha solución profunda das nosas necesidades.

QUEN ABAIXO ASINAMOS consideramos imprescindible a expresión pública das reivindicacións conxunturais e de carácter estratéxico que indicamos neste documento; e, para reclamar o seu cumprimento, CONVOCAMOS A UNHA MANIFESTACIÓN UNITARIA NO DÍA DA PATRIA GALEGA DE 2006.

Non é cun proceso de reforma estatutaria de carácter propagandístico como se van resolver os graves problemas de Galicia. Non se dan as condicións políticas imprescindibles para abrir un debate que nace morto. Nin coa autonomía, aínda que fose no seu máis alto grao, as nosas eivas estruturais serían superadas.

A controversia non está na definición de Galicia como nación. A cuestión está na capacidade de Galicia para decidir, ou sexa, no exercicio do Dereito de Autodeterminación. Hai ben anos que Galicia está constitucionalmente definida como nacionalidade histórica, pero iso non serviu de gran cousa; lonxe de converxer con España e con Europa, diverxemos retrocedendo. O noso idioma, lonxe de robustecer a súa posición, precisamente entra en desuso.

O problema está na correlación de forzas, no carácter socio-político desas forzas, na súa vontade e decisión: se contemplan a necesidade dun cambio radical, ou se do que se trata é dunha acomodación ao sistema establecido. Ou sexa, se manda Madrid e o coro mediático, ou se decidimos facer unha política propia, emanada da propia nación, do propio pobo, do pobo traballador.

A esquerda, republicana e laica, superadora do neoliberalismo imperial non ten unha expresión orgánica nin, moito menos, institucional. Velaí o grande esforzo para agora mesmo. Non pode pasar máis o tempo por diante de nós. Cada período de catro anos, cada lexislatura representa un empeoramento relativo nas condicións de vida e de traballo, no espazo sociocultural, na vertebración política da nosa sociedade.

Deberiamos estar dando resposta á nova Reforma Laboral pactada por UGT e CCOO coa patronal e o Goberno, e non o estamos a facer coa contundencia necesaria. Movémonos na tesitura de apoiar gobernos -o de Touriño e o de Zapatero-, con tintes liberais e democráticos, fronte á caverna do PP; ou abrir un novo camiño para a esquerda.

Parécenos perfectamente asumible a irrupción dunha forza política resultante do entendemento entre colectivos e organizacións da esquerda nacionalista. A intervención de tal forza, lonxe de debilitar o campo democrático, había clarificar o espectro político da nación; sen dúbida que un goberno dos ditos "de progreso" había contar cos votos dos nosos parlamentarios. O que non se pode continuar é na indefinición e, moito menos, na dereitización.

Non aceptamos a opción GALEUSCAT-ZP, como sagazmente a bautizou un dos nosos debuxantes satírico-humorísticos máis preclaro; non é aceptable un posicionamento favorable ao estatuto de Cataluña, sen nación nin financiamento; non é de recibo un apoio permanente ao goberno do PSOE nas Cortes de Madrid.

Insistimos no rexeitamento deste falso debate estatutario. Sabemos que non vai dar de si nada substancial, e acabará por representar unha nova frustración. O que nós reclamamos é que se traballe arreo en buscar solución a cousas de agora mesmo:

*Saneamento político-administrativo (remoción de cargos políticos procedentes do PP e investigación a fondo de subvencións e corruptelas da Xunta anterior).

*Articulación dunha nova orde informativa (potenciando a radio e a TV públicas, e promovendo medios escritos tamén de titularidade pública).

*Instauración de políticas de emprego, en condicións de continuidade e de seguridade; reconstrución do Sector Público fronte ás políticas neoliberais de privatización.

*Acordo urbanístico nacional, a base dun urxente e amplo debate sobre as Directrices de Ordenamento do Territorio para Galicia, que garantan un planeamento autosostido e beneficioso para a vida e o progreso en concellos, parroquias e lugares, fronte á especulación e a información privilexiada.

*Inmediata reforma administrativa, tendo en conta as especiais características de asentamento poboacional: eliminación das provincias e das súas Deputacións; recoñecemento da parroquia.

*Política nacional de medio ambiente, afondando en medidas xa adoptadas por este novo equipo e promovendo outras novas.

*Refundación agraria e gandeira, e reformulación dos montes comunais.

*Atención especial ao ensino público. Laico e en galego.

*Sanidade pública. Liquidación dos concertos coas empresas privadas da saúde.

*Política de salvación da lingua.

Só unha política decidida, baseada no diálogo e na negociación, pero firme ao mesmo tempo, poderá facer cambiar o estado de cousas, colocando ás dereitas no seu lugar, e pasando as chamadas forzas de progreso a ostentar unha maioría suficiente para levar a bo termo o inxente labor de transformación que Galicia necesita para comezar a facerse valer no concerto das nacións, para entrar na senda que nos leve á constitución da República Galega do século XXI.

Anxo Angueira

María Esteirán

Pedro Cortegoso Gago

Pepe Montenegro Villanueva

Xoaquín Freixeiro Álvarez

Carme Hermida Gulías

Afonso Ribas

Darío Xohan Cabana

Marcial Gondar

Francisco Fernández Rei

Antón Dobao

Chus Pato Díaz

Iván Prado

Manuel Ayán Díaz

Francisco Sampedro Ojeda

Henrique del Bosque Zapata

Antonio Ricón Rodríguez

Catuxa López Pato

Mariano Abalo Costa

Xosé Fco. Miranda Vigo

Manuel Domínguez Pereira

María Xosé García Gómez

Cati Collazo

Fátima Rodríguez

Xabier Cordal

X. L. Méndez Ferrín

Mariola González Fernández

Rosario Piñeiro Pastoriza

Manuel Igrexas

Xiana López Penedo

Francisco Currás Domínguez

X. Lois Romero Falque

Xosé M. García Crego

Xenaro García Suárez

Xosé Luís Regueira

Iria Sobrino Freire

X. L. Sebio Peña

Assumpta Vázquez Rodríguez

Paola Bar Franco

Susana Paz Díaz

Marcelo Couñago Lorenzo

Rosa Garrido Burgo

Mercedes Expósito García

César Lago

Ricardo Lourenzo

Jorge Fernández Bello

Xosé A. Laxe Martiñán

Mª Carme Feáns

Miguel Solla

Xoán Gabeiras

Íñigo Méndez

Xulio Fernández Alonso

Alberto Gonçalvez Herrero

Gonzalo González González

Manuel Camaño

Carlos Vázquez

Manuel Seixas

Fran Aneiros

Pancho Niño Ricoi

Xan Carballo

Xabier Xil Xardón

Ye Fernández Rodríguez

Oriana Méndez Fuentes

Moncho Lareu

Brais González."

Máis información aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

8 quinkong

Home, a FPG resucita como cada ano perante a chegada do 25 de Xullo. Benvidos a este mundo e boa sorte até o ano que ven en que seguramente regresaredes cun novo "manifesto". Lembrade que sobre xullo do 2007 teredes que facer unha seria valoración sobre os dous anos de fracaso do bipartito. Tranquilos, que o fracaso da FPG xa o valoramos os demáis.

7 saudade de ti

Viqueira, qué? saudades dos 15 anos de Fraga, eh? A bolsa do aluguer, tal como estaba era un calote para todos, ninguén a retirou agora. Os empresarios non teñen ningún problema con Galicia, pero Galicia con eles algún si que os tiña e, con todo, as cousas vanse arranxando ben para todos, que non é dicir amén, amén, arrasar co tecido produtivo, estar nos últimos postos de calquera indicador social, encher con os caprichos das grandes compañías, non criar postos de traballo, e COTIZAR EN MADRÍ.

6 viqueira

O que non gosta é que estes que se din de esquerdas e que tanto criticaban "as mañas" dos outros estean facendo o mesmo ou peor, ademais de alporizar a tódolos empresarios do país e sacar de súpeto a bolsa de alugueiros. Xa vos quedan só tres anos...

5 dido

Me parto cuando hablan de Neoliberalismo Imperial, es que me parto. ¿Sabrán quien es Hayek? ¿Qué entienden por ese cajón de sastre que todo el mundo utiliza del Neoliberalismo? Y ya lo de política de salvación da lingua, es que me supera, jajajaj. Lo más probable es que todos estos firmantes sean funcionarios desocupados, que leen tres o cuatro mamarrachadas panfletarias, y hala, a soltar chorradas

4 xabier

Estes o que pasa e que TOLEAN dende a esquerda