Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 18/07/2025 | Actualizada ás 14:22
Os gobernos europeos frearon de novo este venres a petición española para que o catalán, o vasco e o galego sexan recoñecidos como linguas oficiais da Unión Europea polas dúbidas legais e financeiras sen resolver sobre o impacto que tería tal reforma no conxunto da Unión Europea, a pesar de que España sostén que respondeu xa a "todas as dúbidas" expresadas polos seus socios.
Así quedou patente no debate de algo menos dunha hora que os ministros dedicaron ao asunto durante o Consello de Asuntos Xerais celebrado en Bruxelas, onde a oficialidade das linguas cooficiais chocou por sétima vez desde que España a puxo sobre a mesa en 2023 co rexeitamento de preto dunha decena de países e as reservas dos servizos legais do Consello.
A discusión foi por momentos tensa, segundo describiron fontes europeas a Europa Press, pola opinión de países como Alemaña de que a reforma nos termos en que expón España non é compatible cos Tratados, tal e como tamén sosteñen os servizos legais do Consello.
Aínda que España suxeriu que buscaría tamén este venres someter a cuestión a votación, a presidencia de quenda da UE, que este semestre exerce Dinamarca, avisou de que non contemplaba que a cuestión se sometese a votación este venres, dado que persisten as dúbidas para un asunto que require unanimidade para saír adiante.
Xa antes de que comezase a reunión, varios ministros expresaron as súas dúbidas en declaracións á prensa e avisaron de que era demasiado pronto para tomar ningunha decisión, ante a falta de avaliacións de impacto que respondesen as súas inquietudes. As mesmas reservas mostradas en público polos representantes de países como Polonia ou Austria foron repetidas no debate a porta pechada, segundo indicaron fontes diplomáticas.
Desde que o Goberno pactou con Junts en agosto de 2023 defender a oficialidade do catalán na UE como condición para a investidura de Pedro Sánchez, o asunto incluíuse ata agora na axenda doutro seis reunións do Consello de Asuntos Xerais da UE; catro baixo a presidencia de quenda de España, cando o Goberno fixaba a axenda, unha cando a presidencia rotatoria exerceuna Bélxica e outra, con Polonia.
CAMPOS NON VE "RAZOABLE" O INVESTIMENTO NAS LINGAS COOFICIAIS NA UE
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que destinar 132 millóns cada ano para a implementación desas linguas cooficiais --galego, catalán e eúscaro-- "non é unha cuestión razoable" e defendeu que hai outros proxectos "importantísimos" como o 'Nós' ou 'Atenea' que carecen de financiamento.
Preguntado polos medios de comunicación por esta cuestión, López Campos reiterou hoxe o respaldo do Goberno galego ao acordo parlamentario que insta o Goberno de España a defender a oficialidade das linguas cooficiais, no entanto, expresou a súa preocupación polo "elevado custo" estimado.
"Estamos a falar nin máis nin menos de 132 millóns de euros cada ano que o Goberno de España tería que asumir para a implantación desas linguas cooficiais. Creo que podemos reformularnos, debater e analizar distintas fórmulas nas que eses recursos poidan ser perfectamente útiles en cuestións fundamentais", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.