Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/07/2025 | Actualizada ás 18:07
O Goberno español considera que as “dúbidas” expresadas por algúns socios europeos sobre a oficialidade do galego, catalán e éuscaro na UE son unha simple “táctica dilatoria”, aínda que insiste en que seguirá traballando para conseguir a unanimidade necesaria. O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, asegurou que España está disposta a ofrecer todas as explicacións necesarias, pero criticou que algúns países manifesten reservas sen detallar os motivos nin sentarse a dialogar.
Durante a reunión do Consello de Asuntos Xerais da UE, varios países, entre eles Alemaña e Austria, mostraron reservas legais sobre a proposta española, argumentando que a inclusión dos idiomas cooficiais podería requirir unha reforma dos Tratados da Unión. Aínda que a opinión do servizo xurídico do Consello non é vinculante, os países máis reticentes reclaman un ditame formal por escrito antes de avanzar.
O Executivo español, pola súa parte, insiste en que se trata dunha decisión política e que os tratados xa permiten esta modificación por unanimidade do Consello. Albares subliñou que o Goberno seguirá negociando cos socios europeos, tanto a nivel ministerial como bilateral, porque a proposta é "sólida, irrenunciable e irreversible".
Desde Moncloa mantense o optimismo e crese que a oficialidade será aprobada “máis pronto que tarde”, a pesar das reticencias actuais. Con todo, fontes europeas consultadas discrepan da visión española e non consideran que se producisen avances relevantes. O Executivo español tamén acusa ao Partido Popular de tentar boicotear a iniciativa influíndo en gobernos conservadores como o alemán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.