Galicia rexistra uns 40 casos da variante ómicron do coronavirus

O Sergas estenderá a todas as áreas as PCR gratuítas para a poboación xeral.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/12/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou de que Galicia rexistra ao redor de 40 casos secuenciados da variante ómicron. Ademais, lembrou que Galicia segue incrementando a capacidade diagnóstica e estenderá a todas as áreas as PCR gratuítas para a poboación xeral.

Punto COVID AUTO no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Punto COVID AUTO no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Sergas.

En canto á evolución da pandemia, Comesaña destacou que na área de Ourense "parece" que estes días poden corresponderse co pico da sexta onda, pero aínda falta por observar a incidencia da ponte e da nova variante do coronavirus.

Lembrou que desde o 25 de novembro a aparición de ómicron entrou como un novo factor, polo que Saúde Pública segue monotorizando a evolución e están "preocupados" e facendo seguimento dos casos en todas as áreas para observar a evolución.

Comesaña destacou a capacidade diagnóstica de Galicia, coas probas nas farmacias (que non se computan a nivel xeral), o covid auto, agora os tests infantís e as PCR, que agora se estenderán aos 14 distritos sanitarios de Galicia, tras iniciarse na provincia de Pontevedra e empezar en Santiago de Compostela este mesmo martes.

Estas probas poderán ser sen cita previa, con autocita ou programada, "unha ferramenta máis" da que Galicia disporá para frear o avance da pandemia.

Comesaña indicou que a dispensación do test en farmacias para nenos de 5 a 11 anos se leva a cabo con normalidade. Esta prescrición incorporouse aos cartóns sanitarios dos menores, un grupo de idade que xa arrincou o proceso de inmunización en días pasados cun nivel de adherencia do 87 por cento.

Os tests empezaron a enviarse o venres pasados e, cando se terminan, vanse repondo nas oficinas de farmacia. "As cousas van con normalidade", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta