Galicia xa ten o seu primeiro álbum de cromos do fútbol feminino galego

A iniciativa, impulsada por Que pasa na Costa, trata de impulsar a "revolución do #Futfem" e conta co apoio de xogadoras internacionais como Vero Boquete.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/12/2021 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

Esta pasada noite de martes 21 de decembro de 2021, o Centro Ágora da Coruña acollía o nacemento do primeiro Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego. Unha iniciativa pioneira en toda España, desenvolta polo diario da Costa da Morte Quepasanacosta, a empresa especializada Sportcrom, coa colaboración de Rocío Candal, que trata de “afianzar, máis que impulsar, a revolución do #Futfem a nivel mundial dende a o noso recuncho do occidente europeo”, como explicaba Ubaldo Cerqueiro, responsable do diario costeiro.

Album de cromos do fútbol feminino galego
Album de cromos do fútbol feminino galego | Fonte: QPC

Un centenar de persoas, nomeadamente moitas das protagonistas, achegáronse para ver nacer este singular proxecto que converte en estrelas a 600 xogadoras de 26 equipos do fútbol galego (dende o Dépor Abanca da Reto Iberdrola, pasando polos equipos de 1ª Nacional e 1ª Galega, ademais dos equipos do Fútbol da Costa da 2ª Galega), así como as árbitras das categorías. Tamén teñen o seu espazo as estrelas que xogan na Liga Iberdrola e nas Ligas Internacionais, como Vero Boquete, a xogadora do AC Milán, que dá imaxe ao álbum. Unhas estrelas que servirán de espello para que as nosas rapazas non teñan que fixarse sempre nos Messi ou Mbappé.

VIAXE NO TEMPO

A Gala convertiuse unha viaxe temporal pola historia do Fútbol Feminino coruñés, focalizando nas experiencias vividas no Club Karbo e no Club Sal Lence, dous dos pioneiros na materia que ademais foron referentes a nivel estatal nos anos 80 e 90. Rocío Candal moderou a primeira mesa que contou con Lis Franco, a xornalista histórica xogadora do Karbo, que contou as súas historias de “envexa” cando era nova e o seu compañeiro de balón en Manresa tivo a posibilidade de probar na Masía. "Eu nin podía ter ese soño”, valoraba, en contraposición co momento actual: "O mellor equipo de España foi sempre o Karbo, eramos unha selección. Pero agora Este FC Barcelona é doutra dimensión".

Ao seu carón, a Concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez; a Deputada de Igualdade e Normalización da Deputación da Coruña, María Muíño; e o Deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra Gorka Gómez, explicaron por que apoiaron dende o comezo o proxecto, coa adquisición de packs de álbum e cromos para repartir entre as novas xeracións de cada territorio. A capacidade do fútbol, e singularmente deste proxecto, para achegar a igualdade a todos os currunchos da sociedade foi fundamental. Toda a info no xornal colaborador QPC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta