O Congreso dá luz verde á lei de residuos e chans contaminados coa abstención do BNG

O proxecto saíu adiante con 182 votos a favor, 88 abstencións e 70 votos en contra.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/12/2021 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O pleno do Congreso dos Deputados aprobou cos votos en contra de PdCat, CUP, ERC e Vox e a abstención de PP e o BNG pero co apoio do resto de grupos parlamentarios o proxecto de lei de residuos e chans contaminados para unha economía circular para cumprir coas directivas europeas de residuos e plástico e que establece novas obrigacións na xestión de residuos.

Así, con 182 votos a favor, 88 abstencións e 70 votos en contra, o pleno da Cámara Baixa remitirá o proxecto de lei ao Senado para proseguir coa súa tramitación lexislativa. Para a deputada do PSOE, Esther Padilla, esta é unha "boa lei" que vai facer posible a transición xusta e a protección do medio ambiente. Ademais defendeu que permitirá cumprir coas directivas europeas de residuos e a do plástico dun só uso e acceder aos fondos europeos para a recuperación.

"A lei dá pasos con decisión e responsabilidade", asegurou Padilla, que detallou que o proxecto lexislativo establece novos obxectivos de xestión de residuos, novas recollidas separadas (como as de residuos orgánicos, aceite, roupa, entre outras), inclúe o novo sistema de depósito, devolución e retorno (SDDR) "con sensatez" e establece novas obrigacións de fiscalidade ambiental como o imposto ao plástico e o imposto ao vertedoiro que "demandaban o OCDE e a UE".

Estes impostos entrarán en vigor en 2023, despois de que así se pactase na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que presentara o Partido Popular. En todo caso, defendeu que os impostos que se recollen na lei non teñen vocación recadatoria xa que para o Goberno "o importante é que canto menos se recade con eles, mellor", porque significará que empresas e entidades afectadas están a cumprir os obxectivos.

A deputada socialista eloxiou a vontade de acordo da maioría de grupos parlamentarios de modo que "a lei sae enriquecida con achegas interesantes de todos os grupos". Con todo, afeou a ERC, PdCat e Junts per Cat o seu voto en contra. "É unha boa lei e sábeno", concluíu.

Na súa intervención, o deputado do PP, César Sánchez, anunciou a abstención do seu grupo parlamentario por "responsabilidade e lealdade" pero opina que o texto é unha "oportunidade perdida" que chega "tarde e mal" posto que "o único" que ten de circular é o seu título e "grazas" ás emendas do PP. Tamén se abstivo o BNG, cuxo deputado Néstor Rego recoñeceu avances "insuficientes", polo que pediu obxectivos máis ambiciosos e outras melloras en aspectos como a obsolescencia programada.

Arquivo - Unha persoa durante a votación no Congreso dos Deputados. EUROPA PRESS
Arquivo - Unha persoa durante a votación no Congreso dos Deputados. EUROPA PRESS | Fonte: E. Parra. POOL - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta