A mina de San Finx, vendida a un grupo opaco de Australia para "eludir responsabilidades"

Ecoloxistas en Acción denuncia a adquisición do proxecto por parte dun grupo empresarial afincado en paraísos fiscais e cuxos donos se descoñecen. Temen que a venda sexa parte dunha estrataxema para evitar pagar o "desastre ambiental" da mina e esta quede abandonada. A empresa asegura que "continuará" cos traballos de limpeza.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A mina de San Finx, situada no municipio de Lousame, segue a acumular titulares. E, desta vez, non polas denuncias en institucións europeas ou os vertidos continuados de material radioactivo. Segundo adianta Ecoloxistas en Acción, o conglomerado propietario da explotación, Sacyr, vén de vender a mina para non ter que facer fronte ás posibles multas e consecuencias que deveñan do tratamento do espazo.

Mina de San Finx, en Lousame
Mina de San Finx, en Lousame | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A venda teríase realizado a unha empresa con sede en Australia que a asociación medioambiental define como “opaca”, Biscay Minerals Ltd. Ao parecer, a corporación, que tributa en paraísos fiscais e da que se descoñecen os propietarios, xa tería adquirido uns anos atrás a mina de Varilongo de Santa Comba, á parte de ter sido expulsada de distintos mercados bursátiles por incumprimentos, destacan.

A ollos da asociación, estes antecedentes fan “improbable” que a nova propietaria  asuma as responsabilidades ambientais da mina de San Finx, que “ameaza en converterse nun novo Monte Neme”, explotación á que definen como outra “mina abandonada á súa sorte”. Os propietarios da mina de San Finx vense obrigados, neste momento, a abonar un aval de 178.000€ polos resultados da mina, cantidade que para Ecoloxistas en Acción resulta “irrisoria” --propoñían, en tanto, unha indemnización de 20 millóns de euros polos “pasivos ambientais existentes”--.

"CONSECUENCIAS MILLONARIAS"

A transacción, con todo, non tería tanto que ver co feito de desembarazarse desta cantidade como coa intención da firma de deixar caer o peso morto da mina de San Finx, que lles podería causar máis problemas no futuro. De acordo coa mesma fonte, a transferencia chega despois de que no decembro pasado se someteran a exposición pública varios proxectos de limpeza da explotación. Estes, din dende Ecoloxistas, resultaban “deficientes”, polo que, de chegar a executarse, “implicarían a inxección de elevadas concentracións de metais pesados á ría de Muros e Noia”. “As consecuencias multimillonarias de implicar o peche de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora quere desfacerse do problema”, inciden.

Ecoloxistas en Acción engade que xa avisou por escrito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como ao vicepresidente Segundo e conselleiro de Industria e ás conselleiras de Infraestruturas, Medio ambiente e Mar, alertando da transacción da mina e incidindo de novo na necesidade de impoñer ese aval de 20 millóns de euros que, á vista dos feitos, podería quedar en papel mollado. 

RESPOSTA DA EMPRESA

Na mesma xornada, a compañía australiana Rafaella Resources --a través da súa filial Biscay Minerals-- anunciou a súa intención de "continuar co traballo ambiental realizado por Valoriza" e "investigar formas de minimizar aínda máis a pegada ambiental". Garante que "o respecto polo medio ambiente formará parte do proceso de planificación, para que todas as operacións deixen un legado positivo ás xeracións futuras".


Tamén --sostén-- "aplicará os principios polos que se rexe en canto a minaría moderna e sustentable, estándares en seguridade, protección ambiental e responsabilidade social corporativa coa contorna social onde desenvolve as súas operacións".

A transacción chega nun momento en que o wolframio volve ser un produto moi demandado pola UE, onde foi catalogado como materia prima crítica, é dicir, que non ten substituto. As súas propiedades outórganlle múltiples e valiosas aplicacións. metálico (ferramentas de corte e perforación) e outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta