A Xunta investirá 200.000 euros en axudas para fomentar as razas de animais autóctonas galegas

O prazo para solicitar as axudas é dun mes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2022 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento das razas de animais autóctonas galegas, que dispón dunha contía de ata 200.000 euros.

Tal como explicou a Xunta nun comunicado, estas axudas teñen a finalidade de aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e de modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal.

"Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de produción, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos", subliñou o Goberno autonómico.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores de razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a súa xestión no libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma de Galicia.

As actuacións a subvencionar son a creación e o mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actuación, adquisición e mantemento de computadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo, entre outras.

O prazo para solicitar as axudas é dun mes, contando a partir deste xoves. Deberán presentarse por vía electrónica.

Cabalo de pura raza galega
Cabalo de pura raza galega | Fonte: MAGRAMA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta