Pontón cualifica de "heroes" aos usuarios do tren A Coruña-Ferrol por tardar 1 hora e 20 minutos

Esixe transferir a Galicia as competencias en ferrocarril interior

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/01/2022 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu este luns a transferencia a Galicia das competencias de ferrocarril interior, o que viría acompañado de "financiamento" e, ao seu xuízo, "significaría ter máis recursos" para pór solución aos problemas de mobilidade.

Ana Pontón, Néstor Rego e outros integrantes do BNG collendo o tren A Coruña-Ferrol
Ana Pontón, Néstor Rego e outros integrantes do BNG collendo o tren A Coruña-Ferrol | Fonte: BNG

Díxoo tras realizar o traxecto Ferrol-A Coruña en tren, xunto ao deputado Néstor Rego, e ao portavoz municipal en Ferrol, Iván Rivas, que foron recibidos na estación da cidade herculina polo edil Francisco Jorquera e outros membros do partido. 

Sobre a súa primeira demanda, Pontón esgrimiu que outras comunidades autónomas como Euskadi, Cataluña ou Andalucía xa teñen as competencias en materia de ferrocarril interior e lamentou que esta petición xa a formulou o Parlamento galego hai anos, pero "a Xunta non moveu nin un dedo para conseguilo". 

Por iso, urxiu "un plan de compensacións" a Galicia en materia de ferrocarril que permita electrificar vías, mellorar as que existen e dotar á comunidade dun servizo de proximidade. "Hai que recuperar como mínimo os servizos que tiñamos antes da pandemia, porque non pode ser que a covid signifique ter menos posibilidades de mobilidade e que isto sexa unha escusa máis no desmantelamento do ferrocarril", sostivo Pontón.

Así, explicou que coa súa viaxe reivindicativa quería porse na pel dos estudantes e traballadores que usan o tren para viaxar de Ferrol á cidade da Coruña. Usar este medio como transporte habitual, criticou, é "misión imposible", debido ás frecuencias -dúas diarias-, a duración -unha hora e vinte minutos-, e o custo.

"Por estrada son 53 quilómetros. Case podemos dicir que son heroes e heroínas os que collen o ferrocarril", subliñou a líder do BNG. Neste sentido, condenou que "isto é unha anomalía porque en toda Europa faise unha aposta polo ferrocarril como medio de transporte habitual", dado que é un medio "máis sustentable" e económico. "Galicia non pode estar á marxe desta tendencia", remarcou.

Neste sentido, culpou diso aos "sucesivos Gobernos do PP e o PSOE no Estado, coa complicidade da Xunta". "Temos dereito a ter servizos de proximidade. É necesario que haxa actuacións no curto e medio prazo. Non podemos permitir que Galicia salga discriminada, que non teñamos un tren do século XXI", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 b5uc

Entre Santiago e Vigo hai 17 trens ao día, por sentido, os días laborables. Non digo que ao mellor a alguna hora falten frecuencias,ou que non sexan millorables, pero hai bastantes frecuencias. Non é algo " indigno e penoso". En Valdeorras hai un servicio testemuñal. E na Mariña de Lugo hai moi pouco servicio, catro tres ao día por sentido, algo ridículo. Ademais, os trens adoitan ser bastante cómodos, e non producen ese efecto de engrosamento dérmico que o comentarista menciona. E non falo desde un pazo, que eu viaxo bastante en tren .Saudos.

1 Ferroviario

Euskadi e Cataluña teñen competencia sobre una rede métrica interna, sin conexión exterior. E, desde logo, para coller o tren de Coruña a Ferrol non fai falta ser " héroe" ningún. Ten butacas amplias, aire acondicionado i é moito mais cómodo que o bus, mesmo mais rápido que o bus que vai pola estrada, que tarda 1 hora e 40 minutos. Non é preciso "heroísmo"ningún. Eso si, hai moi poucos trens ao día .

1 Usuario sufridor

Non hai que ser heroe, hai que ter uns collóns coma un mundo. Pq meu, ir de Vigo a Santiago e voltar é misión imposible. O meu caso teria q erguerme 2 horas antes para poder chegar a tempo a traballar. Simplemente pq non hai frecuencia todas as horas, e se tes mala sorte tócache o tren q tarda case hora e corenta minutos. Para voltar máis do mesmo. Como se complique a saída estás morto, pq tes q agardar hora e 59 minutos por un tren q tarda hora e cuarenta minutos. E isto todos os días do ano. A túa vida vaise no transporte. Pois claro que hai que ser heroe aturar iso para conservar un posto de traballo. Indigno e penoso para a conexión das dúas cidades máis importantes de GZ. E xa non che conto se vives en Lugo, no barco de Valdeorras ou zonas non costeiras. Ferroviario, nótase q ti non tes callo no cu e falas desde as quimbambas. Un saúdo