O BNG esixe ao Goberno atender as demandas das persoas usuarias do tren sobre horarios e prezos

Néstor Rego denunciou a redución de frecuencias da liña do AVAT e as tarifas aplicadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2022 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que o Ministerio de Transportes considere que o servizo de tren prestado en Galicia é "suficiente" e reclámalle que "atenda as demandas" dos usuarios do tren en canto a horarios e prezos.

Nun comunicado remitido aos medios, o parlamentario nacionalista denuncia a resposta trasladada polo Executivo estatal ás preguntas rexistradas polo BNG, nas que esixía a revisión dos horarios e denunciaba a redución de frecuencias da liña do AVAT e as tarifas aplicadas.

Segundo sinala o Bloque, o Ministerio asegura non ter previsto ningunha actuación pois considera que "o servizo prestado é suficiente e que permite a conciliación". Fronte a iso, a organización nacionalista reclama a recuperación de todas as frecuencias suprimidas pola COVID e agora modificadas para adaptalas aos horarios do AVE, e o establecemento de prezos accesibles en todas as liñas, especialmente na liña Ourense-A Coruña.

O BNG asegura que o cambio de horario proposto por Renfe para a liña Avant que conecta A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense supuxo "graves prexuízos" para moitos usuarios xa que "deixou de cubrir as necesidades" das persoas que "teñen que coller o tren por motivos laborais, de estudos ou outros".

"Un transporte sustentable e de futuro como o ferrocarril é a alternativa perfecta ao transporte por estrada e ao uso de combustibles fósiles, pero coas modificacións dos horarios e a redución de frecuencias só se dificulta o uso do tren, non serve para promover e incrementar a súa utilización", denuncia Rego, que asegura que existen xa numerosos colectivos formados por persoas afectadas por estes cambios nas frecuencias.

"Organizan os novos horarios baixo unha visión puramente centralista que leva a organizar os novos servizos para conectar Galicia coa meseta pero non dar prioridade aos servizos de conexión interior", recrimina o nacionalista, que avisa de que as modificacións non só afectan os usuarios da liña AVANT A Coruña-Ourense, senón que tamén prexudica de forma colateral a persoas que utilizan a liña de Media Distancia entre A Coruña e Vigo.

Ademais, Rego tamén critica a posición do Executivo estatal ao afirmar que a liña AVANT xa está subvencionada. "Cabe lembrar que esta liña ten un elevado prezo dos billetes. Unha viaxe Santiago-Ourense ten un custo de 17,70 euros, chegando a 20,30 euros nalgunhas das tarifas ofertadas", censura.

"A reposta do Mitma ás preguntas que realizamos desde o BNG é unha afronta a todas as persoas usuarias e para todos os galegos e galegas", asegura Rego, que sostén que "o servizo xa era deficitario e non se axustaba aos horarios laborais ou de estudo", pero despois dos cambios "a situación agravouse considerablemente, dificultando a chegada aos seus postos de traballo ou de estudo de moitas persoas".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ferroviario.

En Galicia hai duas relacións ferroviarias moi competitivas, Vigo - a Coruña ( 1 hora 20 minutos) e A Coruña - Ourense ( 1 hora 10 minutos). Compre facer o que sexa para que cantas mais persoas millor poidan usar os servicios desas liñas. E, por exemplo, lembrar que Lugo - Monforte - Ourense ( 1 hora 35 minutos, no mellor caso, dependendo dos servicios) ten un tempo de percorrido moi similar a estrada, ahí debería haber mais servicios.

1 Gamela

Para o caso que nos fan están cheos de soberbia: crense superiores aos demais, chegando ao desprezo das queixas dos galegos ! Pero sería ben aproveitar o tirón que está a ter a petición #SoyMayorNoIdiota para forzar á banca a atender á xente do rural galego (?) Levan xa 310.000 sinaturas e subindo... https://www.change.org/p/tengo-78-a...