O PSdeG sostén que a oferta MIR creceu co Goberno de Sánchez e atribúe a Feijóo o "problema" en primaria

O PP avisa de que sen máis prazas para formar a especialistas en Familia será "difícil" que o "déficit" de persoal se poida resolver.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2022 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou que a oferta de prazas MIR en Galicia aumentou co actual Goberno de Pedro Sánchez e atribuíu á xestión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o "problema estrutural" da primaria.

"O problema da atención primaria non é a oferta de MIR, é un problema estrutural que creou o presidente da Xunta e o seu Goberno, que debilitan sistematicamente os servizos públicos para conter o gasto e aparecer sempre como o alumno máis avantaxado da clase", asegurou.

Así se pronunciou nunha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega, na que sostivo que a realidade é que Galicia é unha das comunidades autónomas "con menos especialistas". "Máis do 80% dos médicos que se forman en Galicia en Medicina familiar e comunitaria non acaban traballando aquí, no Sergas", sinalou.

"Temos que reforzar, e así o imos a pedir no próximo pleno, co persoal suficiente a atención sanitaria desta comunidade autónoma", sostivo Álvarez.

POSTURA DO PPDEG

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sostivo que a falta de médicos é un "problema común" do conxunto de España e puxo en valor as medidas postas en marcha pola Xunta para aliviar a carga de traballo da primaria e tamén o que o Executivo galego "promove" que faga o Goberno de España.

"En primeiro lugar, pedimos máis prazas MIR, a Xunta pediu a posibilidade de incorporar 64 novos médicos á formación MIR en Familia, non hai resposta", censurou. "Tamén se impulsou para toda España a realización dunha convocatoria extraordinaria por unha única vez de médicos de familia e tampouco se fixo", apuntou. Ademais, lembrou que, tras un acordo unánime no Parlamento de Galicia, a Xunta pediu crear a especialidade de Urxencias.

Pedro Puy considerou "importante" seguir mantendo estas peticións ao ser consciente de que "as xubilacións dos médicos van continuar nos próximos anos". "Sen esas medidas vai ser moi difícil aínda que superemos a pandemia que o déficit de profesionais póidase resolver", afirmou.

"Por tanto, imos continuar insistindo nisto, asumindo responsabilidades no ámbito organizativo pero tamén aquilo que non depende de decisións autonómicas, que depende de decisións do Sistema Nacional de Saúde, imos seguir insistindo porque cremos que máis aló da propia pandemia, estas cuestións son necesarias para o futuro da propia primaria", subliñou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, en rolda de prensa. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta