A Xunta deixou abandonado ao alumnado en risco de exclusión durante a pandemia, segundo un estudo

Un informe destaca que non houbo " ningún tipo de protocolo" por parte do Goberno galego. Isto provocou que a atención ás necesidades do alumnado dependera da voluntariedade do corpo docente.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia
"A administración educativa galega presenta unha política de pasividade en referencia á dimensión social, afectando esta postura gravemente ás inclusión escolar do alumnado en risco de exclusión social". Esta é unha das conclusións dun estudo  sobre os efectos que a Covid 19 tivo neste tipo de estudantado.

Un neno observa a rúa desde o interior da súa casa, en pleno confinamento polo estado de alarma decretado con motivo da pandemia de coronavirus.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Un neno observa a rúa desde o interior da súa casa, en pleno confinamento polo estado de alarma decretado con motivo da pandemia de coronavirus.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

"El Impacto de la Pandemia en la Adolescencia con Medida Administrativa de Protección en Galicia", realizado por Deibe Fernández Simo, Xosé Manuel Cid Fernández e Edgar Campos das universidades de Vigo e Instituto Politécnico de Viseu, en Portugal, apuntan que o sistema educativo galego non deseñou estratexias de atención ás necesidades específicas do alumnado en risco de exclusión social. 

"A Xunta de Galicia non ten deseñadas estratexias escolares de intervención específicas co alumnado con medida administrativa de protección. A realidade da adolescencia tutelada presenta dimensións rotundamente diferentes ás dos seus coetáneos", recolle este estudo presentado no II Seminário Internacional de Políticas e Respostas para Crianças e Jovens em Risco.

Tras entrevistar a alumnado e profesorado de FP, ESO ou Bacharelato, denontan unha "preocupante ausencia" de implicación das autoridades escolares pola situación deste colectivo. Por iso, esta investigación pon de relevo que continúan pendentes de implantación as estratexias escolares de apoio ás familias en dificultade social, que ven agravadas a súa situación coa pandemia.

A SITUACIÓN CONTINUOU NO CURSO 20-21

O estudo tamén recolle que, no inicio do curso 2020-2021, a situación mellorou levemente, pero salienta que, a pesar dos meses dispoñibles para a preparación da actividade escolar en pandemia, a Xunta de Galicia non activou mecanismos eficaces en todos os centros. "Durante os primeiros meses de curso detectáronse casos con déficits graves no apoio á docencia non presencial", recolle.

"En xeral, os resultados aproxímannos a unha situación de desatención ás necesidades derivadas do factor social. Sería positivo iniciar un debate público sobre se, con esta postura de pasividade institucional, estase garantizando acceso a unha escola de calidade ao alumnado en risco de exclusión social", indican os autores.

Ademais, a investigación salienta tamén, os déficits do estudantado no manexo de programas básicos de ofimática. O alumnado dispón de dispositivos tipo smartphone, pero non conta con tablets ou portátiles. "Os resultados coinciden con investigacións previas que sinalan que a adolescencia utiliza as novas tecnoloxías como medio relacional, pero non dispoñen de competencias no manexo de programas do paquete Office", advirte.

"VOLUNTARIADO" DO CORPO DOCENTE

Deste xeito, a atención ás necesidades depende da voluntariedade do corpo docente. “A profesora axudoume a conseguir datos para o teléfono e así poder ver o que sobe... Cando non se me descargan as cousas ela chámame e facíamolas por teléfono”, comenta un alumno. O profesorado adopta posturas diversas ante as situacións de dificultade. Pero tamén se rexistran actitudes pasivas ao entender que a cuestión de dificultade social non é competencia escolar.

 

Unha educadora afirma que “nos centros imos arranxándonos cos medios que temos, pero os que se foron para casa teñen a situación máis complicada”. “Non hai protocolos elaborados para facer un traballo conxunto polo que a colaboración depende da vontade do profesor”, comenta outra profesional. A ausencia de medidas específicas da administración educativa deriva en que as necesidades sociais aténdanse en función do voluntarismo do corpo docente. "Detéctase unha ausencia de vontade institucional por atender o factor social", di o informe.

O estudo recolle, así, intervencións que mostran elevada implicación por parte do profesorado e outras que non.  “A titora dunha moza díxome literalmente que ela non podía facer máis cun profesor que pedía que se lle mandase todo por computador e non atendía o teléfono.... non entendo como é posible que se permitan situacións así, sabendo que o mozo non ten ordenador en casa”, asegura unha educadora. “O habitual é que non se atendan as problemáticas sociais dos mozos”, di unha segunda educadora.

Outra figura profesional comenta que “desde os colexios actúan coma se as dificultades sociais non fosen con eles e nunha situación como a actual eu creo que isto é aínda máis grave”. "Díxenlle ao de historia que non tiña portátil e díxome que nunha casa hoxe en día ten que haber un computador, do mesmo xeito que hai móbiles”, afirma un alumno no estudo. O déficit de respostas a as cuestións sociais vese agravado en plena pandemia.

Deste xeito, a COVID acentúa a desigualdade e consecuente as dificultades do alumnado en exclusión social. "A adolescencia en protección sofre especialmente as consecuencias da alerta sanitaria", din os autores. "A colaboración entre recursos de protección e escolas responde a unha diversidade de procederes. A ausencia de mecanismos e/ou protocolos sistematizados deriva en que a vontade das figuras profesionais é a dimensión determinante na colaboración entre ambos os sistemas", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta