Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:24
A Asociación Sociopedagóxica Galega, co apoio da Xunta e ao amparo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo, impulsa unha serie de documentais que difundirá feitos e historias que orixinaron algúns dos topónimos de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de presentación destes documentais, co título 'Os nomes da nosa terra'.
Barcia de Mera, en Pontevedra, A Coruña, Arteixo, Oleiros, Marzoa e o Monte Pindo son os respectivos protagonistas de cada unha dos seis capítulos desta serie conducida polo xornalista Fran Cañotas. O obxectivo deste proxecto é transmitir ás persoas o interese pola orixe dalgúns dos máis de dous millóns de topónimos da xeografía galega.
RIQUEZA DE TOPONIMIA
"Galicia ten unha riqueza toponímica excepcional que fai falta difundir e coidar", resaltou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. "A pesar de ocupar só un 6% do territorio do Estado, contén sobre un terzo das entidades de poboación de España e iso só respecto da toponimia maior, pois a cifra crece ata os máis de 2 millóns de topónimos cando incluímos a coñecida como microtoponimia, que pervive fundamentalmente na memoria do pobo", sinalou.
Pola súa banda, Vicente Feijóo, asesor na elaboración do proxecto presentado, indicou que "os topónimos, do mesmo xeito que a lingua, son unha valiosa herdanza cultural que nos legaron os nosos antepasados e, por tanto, temos a débeda con eles de recollela, valorala e transmitila". Xunto a Valentín García e Vicente Feijóo, tamén participou nesta presentación, que tivo lugar Pazo de San Roque, Xosé Antón Moure, director e guionista do proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.