Un terremoto de magnitude 4,6 con epicentro no Atlántico sacode o Occidente de Galicia

O director da Rede Sísmica Nacional, Juan Vicente Cantavella, explicou que este tremor de 4,6 foi o "maior" do que se ten constancia nesa zona do Atlántico.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/01/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Un terremoto de magnitude 4,6 rexistrado no océano Atlántico sentiuse en numerosos municipios da metade occidental de Galicia, nunha serie de catro tremores ocorridos entre as 15,00 e as 16,00 deste xoves.

Movementos de mesas, xanelas e diversos moviliario foron algúns dos testemuños que deixaron por numerosos municipios estes tremores, desde a Rías Baixas ata Santiago de Compostela. Con todo, o 112 informa de que non se ten constancia de danos persoais nin materiais.

Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o maior tremor tivo lugar ás 15,44 horas, con epicentro a tres quilómetros de profundidade no Atlántico.

Estes 4,6 graos na escala de Richter quedan preto do maior terremoto do que se ten constancia en Galicia, o que se produciu na madrugada do 22 maio de 1997 de 5,1 graos (intensidade V na escala macrosísmica europea), que tivo epicentro en Triacastela.

Segundo o 112, recibiron chamadas de diversos municipios como: Ribeira, Rianxo, Porto do Son, Santiago de Compostela, Vilagarcía, A Laracha e Vigo.

Previamente, ás 14,57 horas deste xoves rexistrouse un terremoto de magnitude 3,7 no Atlántico fronte á costa da comunidade galega. Ademais do de 4,6 graos, antes das 16,00 producíronse outros dous tremores en Ribeira (1,9 graos) e no Atlántico (2,5 graos), ata un total de catro.

SEN RISCO DE TSUNAMI

O director da Rede Sísmica Nacional, Juan Vicente Cantavella, explicou que este tremor de 4,6 foi o "maior" do que se ten constancia nesa zona do Atlántico.

Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, Cantavella explica que esta intensidade non causa danos ao producirse no mar. Igualmente, para que se xeren tsunamis necesítase que os tremores no mar superen o grao de 6 ou 6,5. O Instituto Xeográfico Nacional recibiu centos de informes de galegos sobre o que percibiron este xoves.

Terremoto fronte á costa galega.. IGN
Terremoto fronte á costa galega.. IGN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta