O BNG leva á Cámara os supostos abusos sexuais dun médico de Padrón a mulleres

A Xunta "ten que explicar por que non actuou e deixou estas pacientes desprotexidas", sinala a nacionalista Montse Prado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

O BNG avanzou que presentará unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións ao Sergas sobre as denuncias por supostos abusos sexuais de varias mulleres contra un médico do centro de saúde de Padrón. Segundo trasladou a portavoz nacionalista de Sanidade, Monstse Prado, reclamará na Cámara unha actuación inmediata do Goberno galego ante uns feitos que considera "gravísimos".

"Consideramos gravísimo que estas mulleres presentasen reclamacións ante o Sergas nos anos 2019, 2020 e 2021 e que por parte deste non se actuou para protexelas, a elas e a todas as que tiveron que acudir a consulta con este médico neste ou noutros centros sanitarios onde traballou", aseverou, nun comunicado. A investigación activouse tras a queixa formal presentada no verán de 2021 por parte dunha paciente na área Sanitaria de Santiago e Barbanza, na que se enmarca en centro de saúde de Padrón, por supostos abusos sexuais por parte dun médico que a atendeu nesas instalacións.

No seu día, a Consellería de Sanidade informou de que o Sergas abrira "un expediente sancionador" a este médico e que se atopaba en "trámite". Para a deputada do Bloque, resulta "inaceptable a pasividade" da Xunta e recalcou que os supostos feitos supoñen un exercicio de "abuso de poder e violencia de xénero nunha situación de tanta vulnerabilidade como é a atención sanitaria".

Prado insistiu en que a Xunta "ten que explicar por que non actuou e deixou estas mulleres desprotexidas" e subliñou que as denunciantes "tiveran que acudir ao xulgado buscando amparo", cando o Sergas "era coñecedor dos feitos desde hai máis de dous anos" a través das reclamacións presentadas.

Por todo isto, a portavoz nacionalista de Sanidade considerou precisa a actuación inmediata por parte do Executivo galego. "Saber que pasou coas reclamacións, por que non actuaron e como se pode deixar desprotexidas a unhas mulleres diante dunha actuación desta magnitude", concluíu.

A portavoz de Sanidade do BNG, Monserrat Pardo, declarando sobre as iniciativas presentadas no Parlamento galego para esixir explicacións ao Sergas sobre os casos de abusos do médico de Padrón.. BNG
A portavoz de Sanidade do BNG, Monserrat Pardo, declarando sobre as iniciativas presentadas no Parlamento galego para esixir explicacións ao Sergas sobre os casos de abusos do médico de Padrón.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta