A Deputación de Lugo destina ao Plan Estratéxico de Subvencións 7,2 millóns de euros

"Este é un plan que serve para manter o amplo e dinámico tecido asociativo con que contamos en Lugo", destaca a portavoz socialista, Pilar García Porto.

Por E.P. | Lugo | 04/02/2022 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

A Deputación de Lugo destinará ao Plan Estratéxico de Subvencións 7,2 millóns de euros, segundo informou este venres, tras a xunta de goberno provincial, a portavoz socialista, Pilar García Porto, un crédito que, engadiu, "poderase incrementar".

Pilar García Porto, portavoz da Deputación de Lugo
Pilar García Porto, portavoz da Deputación de Lugo | Fonte: Deputación de Lugo.

Porto concretou que o Plan Estratéxico de Subvencións é "un instrumento obrigatorio que regula a concesión de axudas económicas que se dan desde a Deputación de Lugo ao conxunto do tecido asociativo da provincia".

"Este é un plan que serve para manter o amplo e dinámico tecido asociativo con que contamos en Lugo, que contribúe ademais a dinamizar o territorio tanto a nivel social e económico, á vez que serve para contribuír ao desenvolvemento de proxectos nos distintos concellos que impulsan o emprego, os sectores produtivos, o benestar social ou a promoción do territorio e do turismo, entre outros asuntos", puntualizou.

Seguidamente, García Porto dixo que "entre as liñas de actuación está a de emprego, cunha dotación de case 900.000 euros, a de promoción do territorio e turismo, con case medio millón de euros, benestar, que chega ata os 577.000 euros, ou medio ambiente, para o que se dispón unha cantidade de 356.000 euros".

COÑECE A TÚA PROVINCIA

Na mesma xunta de goberno aprobouse a licitación, por 33.000 euros, do contrato para adquirir artigos que serán entregados como agasallos institucionais ás persoas que van participar na segunda tempada do programa 'Coñece a túa provincia'.

Así, Pilar García Porto precisou que "xa se están pondo en marcha todas aquelas cuestións vinculadas ao programa e que son necesarias antes de empezar as visitas". "Este é un programa de viaxes, de carácter gratuíto, pola provincia de Lugo, destinado ás entidades sen ánimo de lucro e que se puxo en marcha desde a deputación para fomentar o coñecemento da nosa riqueza patrimonial entre os propios veciños de Lugo", debullou.

O programa 'Coñece a túa provincia' persegue "incentivar o turismo de proximidade e apoiar os sectores hostaleiro e comercial, que son dos máis prexudicados polas restricións da pandemia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta