O programa 'Voando nas Rías Baixas' da Deputación de Pontevedra esgota todas as entradas

As saídas da ruta están conducidas por persoal experto de SEOBirdlife, que guiarán ás persoas participantes no recoñecemento das aves.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

As prazas para participar na ruta ornitolóxica 'Voando nas Rías Baixas' da Deputación de Pontevedra xa se esgotaron, segundo explicou a propia institución provincial.

Esta é a primeira ruta da quinta edición do mencionado programa, organizado en colaboración con SÉ Birdlife, con 25 prazas para poder participar este domingo no Complexo Intermareal Umia-O Grove.

"A Deputación é consciente de que a natureza e as paisaxes das Rías Baixas son un recurso turístico de primeiro nivel e da grande atracción que supón a ornitoloxía durante todo o ano, feito que contribúe ao obxectivo da institución provincial de desestacionalizar as visitas ao destino", explicaron nun comunicado.

Segundo recalcan, o Complexo Intermareal Umia-O Grove é a zona húmida máis importante de Galicia e un dos mellores observatorios de aves acuáticas no noroeste peninsular, tanto por diversidade como pola cantidade de aves migratorias que se concentran na zona.

Nesta reserva ornitolóxica --a máis grande do Estado español, única de Galicia e única que conta con medio mariño-- pasan os meses fríos máis de 18.000 aves acuáticas, e é a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego.

Tamén destacan nel as concentracións de aves limícolas, que se desprazan a esta reserva desde o norte de Europa para aproveitar a súa riqueza. O complexo está protexido pola Rede Natura 2000 como Zona Húmida de Importancia Internacional, segundo o Convenio Ramsar e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade. As saídas da ruta están conducidas por persoal experto de SEOBirdlife, que guiarán ás persoas participantes no recoñecemento das aves.

O programa pon ademais a disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves, así como unha relación de paxaros para que cada integrante do grupo elabore a súa lista.

Tras a ruta no Grove, 'Voando nas Rías Baixas' continuará o 3 de abril polas Ribeiras do Umia (Cambados, Ribadumia), o 8 de maio no Monte Aloia (Tui), o 19 de xuño nas Brañas de Xestoso (Forcarei, Silleda), o 10 de xullo na Serra do Suído (Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos, A Lama e Beariz), o 6 de novembro na Ensenadade San Simón (Redondela) e, para finalizar, o 18 de decembro na desembocadura do río Lérez ou a zona intermareal Combarro-Lourido (Poio, Pontevedra).

Cartel Voando nas Ríax Baixas. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Cartel Voando nas Ríax Baixas. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta