Por Galicia Confidencial | Compstela | 06/05/2014 | Actualizada ás 18:46
"Non penso autoobligarme a asistir de espectador salvo cando me interese a min". Así respondeu este martes Xosé Manuel Beiras ao ser preguntado polas súas continuadas ausencias na Cámara galega ante os rumores de que a idade pode estar pasandolle factura.
Lonxe diso, Beiras retornou coas baterías cargadas e disparou contra todos. Contra Feijóo, contra os populares e contra o presidente dos empresarios galegos. Foi nos almorzos ON/OFF que organiza o Colexio de Xornalistas.
O líder de AGE xustificou a súa ausencia na Cámara no funcionamento plenario en canto ás preguntas ao presidente da Xunta e dixo que a actuación dos órganos de presidencia do Parlamento e do propio Alberto Núñez Feijóo son "unha ofensa á Cámara".
"Está o Parlamento ao servizo do presidente executivo, no canto de ser ao revés. Altérase a orde do día para iso", indicou sobre a necesidade de comunicar por escrito as preguntas a formular oito días antes do pleno.
Neste sentido, sostivo que a Núñez Feijóo só lle poden preguntar os portavoces e que hai que comunicar á Presidencia do Parlamento quen fará as preguntas, polo que "como temos o acordo de que as faga Yolanda Díaz, eu só podo asistir de oínte".
O líder de AGE tamén aludiu as fotos de Feijóo co narco Marcial Dorado e dixo que o Parlamento está convertido na "casa dos mortos" de Dostoievski. "Aínda que en Compostela non hai neve, só haina onde está el, ou fariña, que as dúas son brancas ata que as manchas", engadiu.
Beiras, partidario de que o tempo poña "as cousas no seu sitio", insistiu en que o que "importan son os cidadáns cando un está nunha loita política", e asegurou que cando ten que tomar decisións sempre escoita máis aos cidadáns que aos militantes.
Ademais, acusou de "moralmente delincuentes" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "e compañeiros" por cuestionar os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). "É unha indecencia que o presidente da Xunta e dirixentes do PP digan que os datos da EPA non son correcto". É un crime social", dixo.
Tamén, e preguntado polas declaracións do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, nas que afirmou que os sindicatos "se equivocan" cando formulan un emprego de "calidade", asegurou que é "un analfabeto funcional e un vendido".
"Ou é un estúpido ou sabe que está a mentir", sinalou Beiras, para quen estes integrantes da CEG son "funcionarios dunha organización que non representa nin sequera ao empresariado", apuntou.
Beiras tamén dixo que Lidia Senra é a mellor candidata de AGE para os comicios europeos e dixo que pode "retroalimentar a revolución cívica" en Europa. Preguntado pola candidata do BNG ás europeas Ana Miranda, evitou polemizar e manifestou que é "unha persoa moi eficiente e moi activa", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.