A conselleira do Mar confía en chegar a un "consenso" entre bateeiros e percebeiros

Rosa Quintana asegura, tras o acontecido o venres cando grupo de bateeiros a increpou durante un acto, que o diálogo é "constante".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que "a vía do diálogo está aberta" e confiou en alcanzar un "consenso, máis pronto que tarde", que permita que se poida desenvolver a actividade tanto de bateeiros como de percebeiros. A titular do Mar pronunciouse deste xeito no pleno do Parlamento de Galicia despois de que a deputada do PP Teresa Egerique lle trasladase o seu apoio e condenase o sucedido o pasado venres, cando un grupo de bateeiros a acurralou e increpou a conselleira nun acto en Vilaxoan.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no pleno da Cámara. XUNTA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no pleno da Cámara. XUNTA | Fonte: Europa Press

"O venres pasado non foi un día nada agradable, foi un día duro e triste e gustaríame que quedase no esquecemento", sostivo en referencia a este incidente nun contexto de conflito entre o sector dos bateeiros e os percebeiros. Tras iso, a conselleira comprometeu o seu "diálogo constante" con todos os sectores. "Quero dicir que a inmensa maioría do sector condenou esta actitude e que o mesmo luns se convocou ao sector bateeiro para unha reunión á que acudiron todos os representantes", explicou.

Rosa Quintana sinalou tamén que o martes se reuniu cos presidentes das federacións. "A vía do diálogo está aberta e espero, máis pronto que tarde, alcanzar un consenso que permita que se poida desenvolver a actividade tanto dos bateeiros como dos percebeiros", apuntou.

PLAN DA CULTURA MARÍTIMA

A conselleira pronunciouse deste xeito nunha sesión na que a deputada Teresa Egerique preguntoulle sobre os avances no deseño do Plan da Cultura Marítima.

Sobre este asunto, Rosa Quintana explicou as accións levadas a cabo pola Xunta para poñer en marcha este plan Horizonte 2030, un traballo ambicioso que, segundo indicou, permitirá definir os compromisos, as liñas políticas e as iniciativas a adoptar para protexer e promocionar o patrimonio marítimo. Por iso, animou o conxunto da cidadanía a participar para conseguir unha estratexia o máis completa posible.

A conselleira lembrou que esta iniciativa é froito do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xullo polo Goberno galego coa Universidade da Coruña (UDC) e a súa fundación (FUAC), co obxectivo de redactar un documento base do plan no que se recollan as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023, así como nos seguintes anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta