As tres universidades crean un supercentro para impulsar as matemáticas en Galicia

O CITMAga buscará a excelencia na investigación, a innovación e a formación e aspira a converterse nun centro de referencia estatal e internacional.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2022 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

Un novo centro para potenciar as matemáticas en Galicia vén de nacer como froito da sinerxía entre as tres universidades galegas. Trátase do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga ), terá como finalidade impulsar o eido das matemáticas na Comunidade galega. Así, nun encontro celebrado hoxe día 16 de febreiro, os tres reitores das universidade deron a coñecer cal será a súa folla de ruta, resumida polo reitor da USC Antonio López en "traba llar polo futuro das matemáticas de Galicia”. Un futuro que estará marcado pola vontade de integración das capacidades científicas do ámbito das Matemáticas nunha "clara aposta pola transferencia de coñecemento".

CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia estatal e internacional. FOTO: Santi Alvite
CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia estatal e internacional. FOTO: Santi Alvite

Na sesión inaugural na que deron a coñecer o nacemento deste 'supercentro' tomaron parte, xunto ao reitor da USC, os reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Joaquín Reigosa; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; e a directora científica en funcións de CITMAga, Rosa Crujeiras. No acto, incidiuse na motivación do centro de "fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación". E así, aspirar a converterse "nun centro de referencia estatal e internacional, constituíndo unha contorna atractiva para o desenvolvemento científico e profesional".

O reitor Antonio López puxo o foco na sinerxía que supón esta aposta conxunta das tres institucións. Para o reitor da USC, as tres universidades públicas de Galicia compiten en diversos ámbitos pero, por enriba de todo, destaca a colaboración que “nos axuda a facer país”, subliñou. Antonio López tamén incidiu en que a creación de estruturas “potentes” como o CITMAga resultan fundamentais para dotar a investigación dunha estrutura sólida, tamén no relativo ás relacións laborais. Para iso, salientou, “quen financia a investigación ten que ter claro que xa non serven as fórmulas subvencionais”.

Manuel Joaquín Reigosa, reitor da UVigo, destacou, pola súa banda, que a institución viguesa “sumouse con entusiasmo” a esta iniciativa. “Este vai ser un centro de referencia, hai vimbios, e se somos quen de colaborar, vai ser bo para todo o país”, xa que, en palabras do profesor Reigosa, o CITMAga debe constituír “un faro de luz” para toda Galicia. O reitor da UDC, Julio Abalde, definiu a xornada como “un día magnífico para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia”. Abalde amosouse satisfeito xa que “as tres universidades fomos capaces de poñernos de acordo nun campo fundamental para calquera país moderno”.

A decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, destacou, pola súa banda, que esta xornada conforma “un punto na liña do tempo da Facultade, un punto singular”. Vázquez Cendón quixo deixar constancia deste "fito" brindando o libro de honra do centro á sinatura dos tres reitores xa que, segundo destacou, o CITMAga permitirá “aproveitar o talento senior pero tamén reter a xente máis nova". Nesta mesma liña pronunciou o seu discurso a directora científica en funcións do CITMAga, Rosa Crujeiras, quen destacou que este é o froito do traballo de varias xeracións con grande recoñecemento a nivel estatal e internacional. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta