O trampeo das velutinas, un "problema ecolóxico" nalgúns concellos galegos

Somos Ribadumia denuncia que o concello está inzado de trampas artesanais que contaminan o ambiente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/02/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

"Gondomar ten unha superficie catro veces supeior a Ribadumia, pero o ano pasado retirou pouco máis dun cento de niños de velutina, mentres Ribadumia no mesmo período retirou e liquidou medio millar", explica Oubiña, de Somos Ribadumia.

Trampa para a avespa asiática (vespa velutina)
Trampa para a avespa asiática (vespa velutina) | Fonte: Europa Press.

Este concello non conta cun plan organizado de trampeo contra a velutina, algo esencial na loita contra esta vespa. "Isto non quere dicir que non se fagan trampeos", explican dende o grupo, pero os que se veñen facendo nos últimos anos veñen da man da iniciativa de diversos colectivos, que co visto e bo do concello, encheron as zonas verdes do concello de trampas artesanais con líquido atraínte.

As trampas desta última iniciativa colocáronse en maio do ano pasado, na primeira fase do ciclo vital das raiñas, que é cando funcionan os trampeos cuxo obxectivo é limitar o número de raiñas que constrúen niño, xa case tiña rematado, polo que o efecto das trampas quedou moi mitigado.

"Ademais, ninguén se ocupou de facerlle un seguimento, nin de revisar, limpar e recargar as trampas, polo que un mes despois da súa colocación, o que tiñamos era 300, segundo os datos aportados, de botellas de plásticos colgadas de ponlas de árbores, sen ser de utilidade para nada e dando unha pésima imaxe", denuncia Somos Ribadumia.

En verbas de Oubiña, "o goberno de David Castro debería mirar con máis coidado estas cousas, e retirar as trampas unha vez cumprida a súa función. Deixalas colgadas implica unha mostra de desidia, o impacto medioambiental que ten, e por último a mala imaxe de cara as visitas que percorren as nosas sendas fluviais vendo as árbores con esas botellas cheas de auga e insectos mortos".

A vista desta situación, dende Somos Ribadumia, esta semana presentarán unha moción para propor ao pleno que inste ao goberno local á elaboración dun plan de trampeo anual, ben organizado, redactado en base a criterios científicos, o tempo que deben estar, como se deben controlar, e por suposto a súa retirada cando rematen a súa función.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta