A universidade privada de Abanca abre en marzo o prazo de admisión do seu primeiro curso

A universidade definida por Afundación, é "de servizo público" e "sen ánimo de lucro".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca, abrirá o próximo 1 de marzo o seu prazo de admisión das titulacións de grao para o curso 2022-2023, co que inicia a súa andaina. Terá inicialmente catro graos nos seus dous campus da Coruña e Vigo: Administración e Dirección de Empresas, Administración de Negocios Dixitais, Enxeñaría en Sistemas Intelixentes e Enxeñaría da Empresa, esta última incorpórase como novidade no sistema universitario español. A elas súmanse as titulacións de máster en Tecnoloxía e Intelixencia de Datos e o máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA).

Nun comunicado emitido por Afudanción, a obra social de Abanca, definen a UIE como unha universidade de "vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sustentable da sociedade, da cultura e da economía galega". Ademais, sitúana como "un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional de Abanca e Afundación, financiada exclusivamente cos seus propios recursos, polo que os rendementos de UIE reinvestiranse completamente na institución".

A Universidade Intercontinental da Empresa destinará a bolsas ata o 15% dos seus ingresos anuais, "dando prioridade a persoas con talento ou que teñan un baixo nivel de renda".

INTERNACIONALIZACIÓN E PRÁCTICAS

Un dos principios fundacionais desta universidade é a internacionalización, baixo a lema "de Galicia para o mundo". Segundo a nota emitida por Abanca, a UIE proporcionará ao estudante unha experiencia "internacional, bilingüe e multicultural, dentro e fóra da institución". Así, nos plans de estudos de todos os graos está prevista a mobilidade do alumnado, con convenios con "universidades de prestixio".

Así mesmo, tamén desenvolverán unha estreita colaboración co sector empresarial como parte do proceso educativo para "reducir a brecha entre o coñecemento e a práctica no día a día das organizacións".

O prazo de admisión estará aberto en primeira convocatoria ata o 30 de abril e abrirase unha segunda convocatoria entre o 2 de maio e o 31 de xullo.

Campus UIE. AFUNDACIÓN
Campus UIE. AFUNDACIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta