Máis do 45% das galegas tiveron ingresos por baixo do SMI, segundo a CIG

O sindicato tamén pide o reforzo dos servizos públicos de atención ás persoas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2022 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

A CIG reclamou este martes o reforzo dos servizos públicos de atención ás persoas e pór en valor os traballos relacionados cos coidados. Ademais, advertiu de que o 46,7% das mulleres obtiveron ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional fronte ao 32,5% dos homes.

Desde a CIG conclúen que "a partir deste nivel de ingresos empeza a distancia a favor dos homes, incrementándose a medida que crece o nivel de ingresos".

Na presentación da campaña dos actos do próximo 8 de marzo, a secretaria de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro sinalou que os coidados son un "negocio para empresas privadas que priorizan o lucro á conta dos dereitos dos traballadores e da saúde e benestar das persoas".

Nicolasa Castro tamén lamentou que se continúe "penalizando" na carreira profesional polo tempo de coidado a nenos e dependentes e acusou aos gobernos de "falta de vontade" para converter os plans de igualdade en "ferramentas útiles" porque "faltan mecanismos de control e sanción para obrigar ao seu cumprimento".

A través dunha nota de prensa, a CIG denunciou a falta de medidas para "eliminar a precariedade que é consubstancial á maior parte dos traballos feminizados, como empregadas do fogar, traballadoras de centros da terceira idade ou no servizo de atención a domicilio".

CRÍTICAS Á REFORMA LABORAL

A secretaria de Mulleres criticou que a reforma laboral de "un goberno considerado progresista" manteña as medidas de "precarización impostas pola reforma do PP en 2012, incorporando un "novo contrato fixo-descontinuo en sectores moi feminizados".

A CIG fixo un chamamento a reivindicar, o próximo 8 de marzo "unha vida digna e en igualdade para as traballadoras de calquera idade e oficio" e anunciaron a convocatoria de mobilizacións en 21 localidades para "chamar a atención sobre a responsabilidade dos gobernos dos diferentes ámbitos na situación de desigualdade que padecen as traballadoras en Galicia".

CIG presenta a campaña dos actos do 8 de marzo. CIG
CIG presenta a campaña dos actos do 8 de marzo. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta