Feijóo traslada a crise do PP a Galicia... quen pode ser o seu substituto na Xunta?

Alfonso Rueda e Francisco Conde son os candidatos con máis posibilidades de ser próximos presidentes do Goberno galego se Feijóo marcha, finalmente, a Madrid. Pero, hai máis.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A crise do PP de Madrid tamén é a crise do PP de Galicia. E é que o feito de que Feijóo decidira "tomar decisións" ten doble consecuencias. Por unha banda no PP, pola outra na Xunta. Se decide marchar a Madrid para liderar o Partido Popular terá que deixar a Presidencia do Goberno galego o que abriría un problema de sucesión.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (1d); o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda (2d), e o vicepresidente segundo, Francisco Conde (3d),
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (1d); o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda (2d), e o vicepresidente segundo, Francisco Conde (3d), | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Segundo recolle a Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu Presidente, só un deputado ou deputada pode ser presidente. Unha norma que lle deixa a porta aberta ao vicepresidente Alfonso Rueda, titular de Presidencia, Xustiza e Turismo; e o seu homólogo Francisco Conde, responsable de Economía, Empresa e Innovación. Son os dous únicos conselleiros con acta de deputados tras a decisión de Feijóo de deixar sen acta ao resto de conselleiros en setembro do pasado ano.

Hai outros candidatos que non están na Xunta que tamén poderían asumir a Presidencia, Puy Fraga ou Diego Calvo, son algúns dos que tamén sempre aparecen nas quinielas, pero, elixir a un deputado sen que forme parte do Consello da Xunta abriríalle outra nova fronte a Feijóo. De feito, a elección entre Rueda e Conde xa vai xerar fricións abondo como para introducir novos elementos de inistabilidade na Xunta e no PPdeG.

INCERTEZA

Polo momento ninguén na Xunta di nada. Os altos cargos destacan a súa preocupación pola situación actual do PP.  "Descoñezo totalmente o que vai suceder os próximos días, pero o único que pido como afiliada do PP é que se solucione xa", incidiu este martes Ángeles vázquez sen querer falar do que pode pasar en Galicia.

Tampouco María Jesús Lorenzana non quixo falar de futuro, pero cuestionada sobre como se atopaba neste momento o Goberno galego asegurou que son un Executivo "unido e que continúa traballando coa súa axenda". A estas uníronse as mesmas evasivas da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen declinou facer comentarios sobre o futuro de Feijóo e hipotética posición do PP galego sen el, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Pero, dun xeito ou doutro, as decisións de Feijióo van marcar o futuro da Xunta e de Galicia. A elección do seu substituto, se decide ir a Madrid, está chea de incognitas, sobre todo, se quen vai tutelar todo ese proceso e a reorganización dun futuro goberno sexa o propio Feijóo ou o seu suceror. Fontes do PPdeG non descartan que sexa o actual presidente galego o que queira controlar todo o proceso para ter "vías abertas" no futuro se decide volver a política galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta