A seca en Galicia podería vir provocada por unha "muralla" consecuencia do cambio climático

Así o apuntan os meteorólogos, que destacan a existencia de anos máis secos nos rexistros máis recentes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Resulta difícil esquecer esa intervención estelar de Mariano Rajoy en agosto de 2015: "isto non é como a auga que cae no ceo sen que se saiba moi ben por que...". Para felicidade do expresidente do Goberno e do resto de curiosos sobre o fenómeno pluvial, a meteoroloxía avanzou moito dende ese ano prehistórico e hoxe en día os expertos teñen unha idea ben formada das razóns detrás de tran estraño acontecemento. E tamén da seca que están a sufrir Galicia e o resto da Península, deixando os encoros do país en serias dificultades.

Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo
Seca no encoro de Lindoso, na Baixa Limia, que deixa ver a aldea sumerxida de Aceredo | Fonte: Gonzalo Blanco

Expertos da web Meteored veñen de achegar unha serie de explicacións a respecto a inusual falta de precipitacións que vén marcando este inverno dos anos 2021-2022. Para comezar, recoñecen o cariz "preocupante" da situación pero apuntan, en boca de José Antonio Maldonado, o seu director, que "isto non é novo no que levamos de século, mesmo hai anos nos que choveu menos". "Sen ir máis lonxe", engade, "o 2021 foi o oitavo máis seco desde que comezou o século  XXI, é dicir que xa padeceramos sete aínda peores nese período de tempo".

"Nos últimos anos, o comportamento  pluviométrico –irregular por natureza– está a se ver alterado polo cambio climático", incide José Miguel Viñas, que conta cun diagnóstico claro. "Obsérvase, por unha banda, unha intensificación da choiva, a neve e a saraiba nos episodios meteorolóxicos que xeran precipitacións intensas e, por outro, está a reducirse o número de días de precipitación, polo que hai máis refachos secos e aumenta a probabilidade de que se inicien secas, como a que temos agora mesmo en marcha".

O PAPEL DA "MURALLA"

Pero, onde está a orixe concreta deste fenómeno? Por que non chegan as choivas a Galicia e o resto do Estado? Para Francisco Martín, tamén meteorólogo de Meteored, a problemática está na presenza dunha "muralla" anticiclónica que impide a chegada da choiva. "A seca que padecen algunhas zonas débese, en primeira instancia, á presenza dun anticiclón invernal de bloqueo, unha zona de alta estabilidade atmosférica que impide a chegada das borrascas e frontes con precipitacións. Estes anticiclóns actúan como verdadeiras 'murallas' ante a chegada das precipitacións xeneralizadas, desviándoas a latitudes máis altas. Desta forma, nalgunhas áreas españolas leva sen chover máis de 30 ou 35 días". 

A situación presente levou á Xunta de Galicia a convocar a Oficina da Seca e demandar ao Goberno a activación da alerta na conca Miño Sil, dependente do executivo central. Pode que a falta de choivas veña benvida polos amigos do deporte e o tempo libre en exteriores, pero o certo é que está a ter consecuencias preocupantes a nivel económico. O sector primario do país, afectado por unha suba de prezos dende hai meses, alerta de que esta situación dificulta aínda máis a súa supervivencia. Xa o dixo Castelao nunha das súas históricas láminas: "aos señoritos non lle gusta a choiva... pero gústanlles as patacas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta