A illa de Toralla, no centro da investigación de como as ondas de calor mariñas afectan ao equilibro dos ecosistemas oceánicos

Durante o mes de xullo, un equipo de máis de 40 investigadores de cinco países abordan dous "grandes desafíos ambientais".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/07/2025 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Investigadores vigueses participan nun proxecto europeo que estuda na cidade olívica como as ondas de calor mariñas afectan o equilibrio dos ecosistemas oceánicos. Esta mañá, os responsables desta iniciativa mostraron aos medios de comunicación como avanzan os traballos de mostraxe, levados a cabo durante todo o mes de xullo nas inmediacións da Illa de Toralla.

En concreto, trátase do experimento Cellbloom, unha campaña científica internacional enmarcada no proxecto europeo Imaxine, coordinado polo European Molecular Biology Laboratory (EMBL), con sede en Alemaña, e no que participa o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), así como distintas institucións de Francia, República Checa e Portugal.

Así, durante o mes de xullo, un equipo de máis de 40 investigadores de cinco países abordan dous "grandes desafíos ambientais", xa que non só se centran na afectación das ondas de calor aos ecosistemas, senón tamén en como interaccionan as floracións de microalgas nocivas, coñecidas como mareas vermellas, coas pradarías mariñas de Zostera, investigando se estas últimas poderían reducir a afectación das primeiras.

Desta maneira, o experimento combina dous ensaios principais desenvolvidos en condicións case naturais grazas á recollida de auga mariña en grandes cantidades directamente da ría de Vigo. Tras iso, énchense varios tanques de plástico de 1.500 litros de capacidade, dos cales tres se quentan tres graos máis para analizar os efectos no fitoplacton, bacterias ou microorganismos existentes.

"Esta montaxe experimental coloca ao CIM entre os centros a nivel mundial capaces de reproducir e estudar baixo condicións controladas, pero próximas ás reais, o impacto das ondas de calor mariñas, grazas á capacidade de manter unha diferenza térmica estable e constante entre as bolsas", apuntou o investigador principal do grupo Oceanografía Biolóxica, Emilio Fernández.

MICROALGAS TÓXICAS

O segundo experimento analiza o potencial papel que teñen os compostos liberados pola planta Zostera mariña para inhibir o crecemento das microalgas tóxicas que provocan as mareas vermellas. Así, utilízanse mostras de auga natural da ría de Vigo, as cales se colocan en seis recipientes, engadindo o exudado que expulsan as Zostera nalgúns deles e así comparar como reaccionan. Ambos os ensaios realízanse no sistema de mesocosmos do Ecimat, unha infraestrutura situada na Illa de Toralla, en Vigo.

Investigadores vigueses estudan como as ondas de calor mariñas afectan ao equilibro dos ecosistemas oceánicos
Investigadores vigueses estudan como as ondas de calor mariñas afectan ao equilibro dos ecosistemas oceánicos | Fonte: UVIGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta