Como é a inmigración de hoxe en Galicia

Varios expertos analizan a situación actual e o futuro dos inmigrantes no país.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 21/05/2014 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

“Poñer números para falar do que é realmente a inmigración en Galicia, e ver ata que punto nos enganan os medios de comunicación e os partidos políticos sobredimensionando este fenómeno”. Foi para o que Luca Chao, da UDC, expuso o seu estudo sobre os fluxos migratorios no país nunhas xornadas organizadas por Anova en Ourense coas que se quixo dar a coñecer a problemática da poboación inmigrante. Tras a súa exposición máis académica, asociacións de atención a inmigrantes falaron da súa experiencia.

Mamadou Niass, inmigrante en Galicia
Mamadou Niass, inmigrante en Galicia | Fonte: Jorge M. de la Calle

Foi unha xornada adicada a afondar na situación das persoas migrantes, coas se quixo denunciar tamén a violación de dereitos humanos da cidadanía inmigrante, ao fío dos últimos acontecementos en Ceuta e Melilla e as políticas cada vez máis restritivas do goberno do Partido Popular. O encontro tivo que celebrarse no Campus de Ourense, xa que os xestores do Espazo Xove (a antiga Casa da Xuventude) se negaron a acoller o acto. O testemuño máis humano foi o de Mamadou Niass, voluntario de ASALA (Asociación Sociocultural Afrolatina) que explicou en primeira persoa os motivos das migracións e os problemas aos que se enfronta a poboación inmigrante.

O senegalés fixo unha interpretación histórica das causas da migración da poboación do seu continente e púxoa en relación coas políticas migratorias actuais: “Fomos explotados, seguimos sendo explotados e seguiremos sendo explotados. O que pasa nas fronteiras é resultado dunha mala historia, o noso continente foi economicamente saqueado,e os dirixentes dos gobernos africanos son simplemente representantes dos gobernos europeos, non velan polos nosos intereses. As nosas riquezas sempre foron para Occidente, e España retrátase ben poñendo coitelas nos valados. O neocolonialismo está aí, seguen mandando”. Se agora os seus compatriotas tentan desesperadamente cruzar a fronteira, é porque “xa non queda nada, roubárono todo”. E reivindicou que “o ser humano debe ter liberdade de circulación, para ir buscar a vida onde poida”, xa que “cando eles ían a África a vender os nosos bisavós, aí si que non había fronteiras”.

“Vimos buscar a vida dignamente”, proseguiu Mamadou. “O que temos non é regalado. Traballamos como podemos. Non verás un senegalés pedindo ou roubando, non somos así. Problema non estamos causando ningún. Só queremos traballar, e temos dereito a facelo. Queremos a nosa patria e que o noso país saia da miseria. Como os galegos que tiveron que emigrar”. E foi moi crítico co poder: “Non queren que saiamos do pozo, non lles interesa a competencia. Falan de mafias e eles son os primeiros mafiosos. Se queres axudar un pobo, deixa que aproveite as súas riquezas, non llas roubes, como está pasando cos acordos de pesca”, sinalou.

E denunciou, ademais da marxinación que o seu colectivo sofre simplemente pola cor da súa pel, a linguaxe empregada polos medios de comunicación. Termos como “marea, avalancha... É duro e indignante”. E rematou asegurando que os seus concidadáns van seguir vindo, que “ninguén nos vai parar”, e que seguirán indo “alá onde estean as nosas riquezas, porque alí xa non queda nada”. Se “algunha guerra pode ofrecer África”, sinalou, “é a mestizaxe, mesturar as razas”, porque “só queremos circular e gañar a vida libremente alá onde podemos”.

Xornadas sobre a inmigración organizadas por Anova Ourense
Xornadas sobre a inmigración organizadas por Anova Ourense | Fonte: Jorge M. de la Calle

Falsas ideas sobre a inmigración, rebatidas con datos

Luca Chao, do equipo de investigación do ESOMI (Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da Universidade da Coruña), demostrou como, en dez anos, pasamos de ser un país historicamente coñecido como de emigración, para, “en só dez anos”, cando xa eramos un país con máis inmigrantes, “sen decatarnos volver a ser un país que envía fundamentalmente emigrantes”. Hai un “cambio de tendencia” e a crise supuxo un “fito” no campo das migracións. Ata 2007, o estoupido da crise, o crecemento da inmigración é imparable, mais a partir desta data acádase o teito e o indicador de entradas comeza descender, mentres o de saídas aumenta exponencialmente, pola “maior información” e porque “tamén a xente marcha máis”, ata que no ano presente as dúas liñas coinciden practicamente. A tendencia é “moi clara”: “perdemos máis poboación da que recibimos”, aínda que hai que esperar a que pasen uns anos para ver se de verdade “é unha perda demográfica importante en Galiza”.

A investigadora da UDC salientou asimesmo a insignificancia da inmigración en Galiza, tanto en termos absolutos como relativos (97.863 segundo o INE neste mesmo ano). Galiza está “entre as comunidades que menos entradas reciben do Estado, apenas un 2% do total, significando dentro do seu propio territorio un 4% da poboación, a segunda comunidade con menos inmigrantes en termos relativos. Pola contra, é Baleares a comunidade con maior peso deste colectivo en relación á súa poboación, un 20 por cento, “milleiros e milleiros de xubilados, máis alemáns e holandeses que españois”, unha imaxe da inmigración á que “non estamos acostumados” no “imaxinario colectivo”.

En Galiza hai un stock de emigrantes portugueses, “o maior fluxo, emigración transfronteiriza”, o que o convirte no colectivo máis numeroso, superando ao segundo, o de cidadáns rumanos (primeiro no Estado), e seguido por Brasil (debido á cuestión lingüística, as relacións con Portugal e as redes migratorias con Galiza) e Marrocos (o segundo maior no Estado).

Por idades, o maior continxente é o de 16 a 44 anos, cuxa porcentaxe case duplica a análoga dentro da poboación de orixe española, o que viría a demostrar que “é unha poboación moi nova e en idade laboral, un 34% do total”, e que polo tanto “emigran para traballar, mais non para aproveitarse do Estado do Benestar como dirían algúns: non se chega ao 5% de inmigrantes xubilados, en contraposición co 24% de españois. Non só viñeron a traballar, senón a soster o avellentamento da poboación”. Pontevedra e Coruña concentran a maioría de poboación en Galiza, con preferencia polo asentamento urbano, máis do 50%, seguida de núcleos periurbanos como Ames ou Arteixo. O caso de Burela e Verín, en relación ao seu tamaño, tamén é singular.

Ademais, a taxa de paro é máis elevada entre a poboación inmigrante, mais tamén a de actividade, e isto explícase debido á maior porcentaxe de xente nova e a que moitos dos españois deixaron de buscar. Mais os empregadores, ademais de pagar salarios baixos, amosan preferencia polos traballadores de nacionalidade española. O que demostra que a crise e o desemprego están prexudicando especialmente ás persoas inmigrantes.

Luca Chao sinalou que o organismo encargado de asuntos migratorios só se ocupa da emigración, así translócese no seu nome, Secretaría Xeral de Emigración, e “nin sequera de toda a emigración”, senón “a que marchou hai cincuenta anos e teñen fillos e netos”. A Xunta sempre estivo “moi interesada en manter o vínculo coas comunidades no exterior”. Para iso estableceu axudas ao retorno entre outras atencións a este colectivo. E isto, avanza como unha posíbel explicación, pola “rendabilidade politica que todo isto lles reporta”. Sinala tamén que moita xente que se vai non se empadroa no exterior porque “só conseguiría o beneficio de poder votar, mais podería perder a tarxeta sanitaria en España”. E engade que “sempre se contabilizan mellor os que entran, porque eses suponse que nos costan diñeiro, mais a ninguén lle interesa contar os que marchan, porque a Xunta ten “pouco interese” en que se coñezan os datos oficiais da emigración máis nova.

As actitudes do pobo galego cara a inmigración son moi similares ás do conxunto do Estado. Segundo unha enquisa da Secretaría Xeral de Emigración en 2006, un 77% dos galegos opina que España só debe acoller aos estranxeiros que teñan un contrato de traballo, mais ao tempo, o 79% pensa que realizan tarefas que os nacionais rexeitan, e ademais, recoñece que se lles discrimina no seu salario por ser estranxeiros. Un 45% sinala que hai “moitos ou demasiados” inmigrantes en Galicia, e a mesma proporción sinala o contrario, cando o certo é que, como amosan os datos, a inmigración é “ridícula” no noso país. Un 35% pensa que a súa presencia fai aumentar o desemprego en Galiza, fronte a un 54% que apunta o contrario (e, como xa vimos, é o colectivo que máis está perdendo emprego). Así e todo, un 56% pensaba que naquel momento se precisaban máis traballadores estranxeiros, fronte a un 36% que opinaba o contrario. En síntese, e como concluíu Luca traendo a colación unha viñeta de El Roto, a acollida positiva ou negativa da inmigración parte dunha noción utilitarista e depende moito das nosas propias necesidades e intereses como sociedade.

Como conclusión, a crise económica “freou” a entrada de inmigrantes e “é posible que aumente” os fluxos de saída; Galicia “nunca” foi “destino prioritario para a inmigración económica”, recibimos moito máis a “inmigración de raíces”, de xente que vén á procura dos seus antepasados; os fluxos migratorios máis importantes son de latinoamericanos e portugueses, e a percepción deste fenómeno no país “non é moi positiva” e equipárase moito á que hai no resto do Estado.

Perda do dereito universal á sanidade

Pola súa banda, Inés Fernández, de Médicos do Mundo, sinalou “un antes e despois do real decreto” polo cal se deixou sen tarxeta sanitaria a todos os inmigrantes non regularizados, posto que este colectivo queda fóra do acceso á sanidade, agás nos casos de “urxencias, embarazo parto e postparto e menores”. Do Programa Galego de Protección Social da Saúde Pública, posto en marcha para atender este segmento de poboación, non se informou adecuadamente nos centros sanitarios máis que por “correos electrónicos”, que a Consellería non se molestou en saber se se leron, faltou “formación do persoal” e tamén información entre a poboación obxectivo do plano, polo que a maioría o descoñece, só 1.500 dos 9.000 para os que está dirixido saben del, principalmente quen está en contacto con asociacións.

Un aspecto moi rechamante de toda esta desinformación é o feito de que moitas veces se lles nega a asistencia sanitaria, e noutras tantas en que son atendidos por urxencias cóbraselles. Ofréceselles un documento chamado “compromiso de pago” que hai que recorrer para non pagar e acollerse ao programa especial, mais que moitos, por falta de información ou por medo, aboan “para evitarse problemas”. Asimesmo, a estas trabas burocráticas hai que engadir o informe do traballador social que se esixe na atención a menores. De igual xeito, “hai moito medo e moitas nais non o presentan”.

Un informe de Médicos del Mundo aparecido en abril, avaliando os dous anos de “reforma sanitaria” indica que: incrementouse a “desigualdade” entre as comunidades autónomas, tanto na asistencia médica como nas prestacións farmacéuticas; é unha norma “ineficaz”, con “baleiros de previsión”; as distintas medidas adoptadas por cada comunidade son só “parches”, pois todo o mundo debería ter dereito por igual á sanidade, é universal; descoñécese o alcance do impacto, o “suposto” aforro que tivemos, pois hai unha “total falta de transparencia” e un “baile de cifras” sobre, por exemplo, o número de tarxetas sanitarias retiradas; e como consecuencia, milleiros de persoas enfermas non reciben atención médica nin farmacéutica, milleiros de persoas perderon o traballo e con iso o dereito á saúde, a un diagnóstico e tratamento; hai moitísimas embarazadas e menores que non son atendidos, e inmigrantes a quen se lles cobra a asistencia; e Médicos del Mundo tivo coñecemento de máis de mil casos documentados da perda deste dereito. Polo tanto, a norma é “ineficaz”, non se está “cumprindo” e crea unhas “desigualdades enormes”.

Pola súa banda, Irene Pérez, ex traballadora de Galicia Terra de Acollida, ONG pequena do barrio do Couto, con bastante afluencia de inmigrantes, que tivo que pechar en 2010 por falta de orzamento. “Sofremos amnesia temporal, posto que practicamente todos e todas en Galicia temos algún familiar que foi emigrante”, afirmou. Para rematar, denunciou a precaria situación que viven as ONG, “nutríndose de voluntarios”, xente que fai o seu traballo “como boamente pode”. “Hai que investir nesas persoas que se especializaron: educadores, traballadores, psicólogos sociais, etc.”, e só para que estas persoas poidan ter “dignidade, nada máis”.  

Audios destas xornadas aquí e aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Xavierinho

“o ser humano debe ter liberdade de circulación, para ir buscar a vida onde poida”, estou dacordo, desgraciadamente o mundo non funciona así. Entón coa situación actual de limitación de movementos entre países, me pregunto que solución se aporta a este problema, descontado que nos países de orixe non se pode solucionar porque aquelo é un desastre. Deixamos entrar a todo o mundo?

2 Anova Ourense

Posicionamento de Anova Ourense sobre o problema da inmigración e a violación de dereitos humanos da poboación inmigrante polo e no Estado español, no sistema-Mundo e por suposto tamén en Galiza: http://anovaourense.wordpress.com/2...

1 Jorge de la Calle

AUDIO ÍNTEGRO da palestra, de boa calidade e MOI INTERESANTE: http://www.ivoox.com/xornada-a-inmi... https://soundcloud.com/jorge-mdelac...