O Sergas desenténdese das xornadas abusivas dun médico en Pontevedra: "foi un cúmulo de imprevistos"

Un sanitario quedou ao cargo de todo un PAC durante 14 horas ao ter que mover outro traballador a un centro veciño. A situación xa se deu en máis dunha ocasión, pero o Servizo Galego de Saúde apunta a "incidencias" imposibles de prever.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde atribúe a un "cúmulo de incidencias imprevistas" que o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda, en Pontevedra, quedase cun só médico o pasado domingo 6 de febreiro, cando ten asignados tres en quenda de mañá e tarde e dúas no de noite. Unha circunstancia que xa acontecera en outubro do ano pasado, tamén en xornada dominical. 

Así o manifestou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, este xoves en comisión parlamentaria en resposta a unha pregunta da deputada socialista Paloma Castro en relación ao sucedido o pasado domingo 6 de febreiro que motivou que un só médico traballase "14 horas" nas que atendeu "106" persoas, ademais de tres horas con atencións en domicilios, o que supuxo, segundo a parlamentaria, "seis minutos por paciente".

O director xeral explicou que a PAC da Parda, que atende a unha poboación de 117.128 cartóns sanitarios de oito concellos na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e conta co Hospital Montecelo a "sete minutos", ten unha programación de luns a sábado de tres médicos e dúas enfermeiras en quenda de mañá e tarde e de dúas en cada caso no de noite.

Jorge Aboal, durante a comisión.. Xunta de Galicia
Jorge Aboal, durante a comisión.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

MOBILIZACIÓN DOUTRO SANITARIO

E no caso de domingos e festivos, a planificación establece tres médicos e tres enfermeiras en quendas de mañá e tarde e dúas en cada caso nas noites. No caso concreto, do pasado 6 de febreiro, Aboal aclarou que unha das facultativas da quenda foi enviada ao PAC de Caldas de Reis ao quedar este sen persoal médico "para evitar o peche" e tratarse do centro "máis afastado" do hospital de referencia.

Deste xeito, Aboal puntualizou que na PAC da Parda quedaba unha presenza de dous médicos en cada un do tres quendas. A xerencia da área comezou a buscar un médico substituto de reforzo para o día seis cando "aconteceu outra incidencia imprevista" entre o persoal médico fixado comunicada o día 3 en relación á "enfermidade grave e imprevista dun familiar de primeiro grao noutra comunidade" dun dos profesionais.

Deste xeito, a PAC da Parda quedaba cun médico en cada unha das tres quendas, fronte ao tres nos de mañá e tarde e dúas de noite. Así, tras consultar a xerencia con "máis de 15 médicos", atopou un para cubrir a noite e outro para as quendas de mañá e tarde, polo que volvía haber dúas en cada un.

Con todo, "o mesmo venres o que vai cubrir a mañá e tarde do domingo" unhas horas máis tarde despois de ratificar a súa presenza, esa mesma xornada confirma que "se atopa mal" e obtén positivo por Covid-19. Por iso, a PAC quedou cun médico en xornada de mañá e tarde e dúas na quenda de noite unha vez "esgotadas todas as posibilidades". "As incidencias imprevistas ás veces ocorren", defendeu o director xeral, quen reivindicou que a área sanitaria de Pontevedra realizou as xestións "para dar a mellor resposta posible", á vez que se avisou ao 061 cando o facultativo tiña que ir a domicilios.

Aboal admitiu que o Sergas tiña coñecemento previo do sucedido o día 3 de febreiro, pero lembrou que a situación "foi cambiando ao longo do venres 4". Con todo, subliñou que a garda "estivo o domingo pendente por se houbese algunha incidencia e tivesen que actuar con outro tipo de xestión", feito que asegurou que non sucedeu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta