Galegas 8M: "Estamos orgullosas de ter chegado a un acordo de mínimos para facer unha soa marcha"

Ás portas dun novo Día Internacional da Muller, GC conversa con Jessica Fernández, activista da organización 'Galegas 8M', sobre a situación do movemento feminista galego e as reivindicacións que están enriba da mesa.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O movemento feminista prepárase para volver ás rúas nunha das datas máis simbólicas da loita: o 8 de marzo. Xa sen as restriccións que imperaron na pasada convocatoria, a plataforma 'Galegas 8M' - que se encarga da organización das mobilizacións en Galicia - traballa a nivel local e comarcal "para construír un feminismo galego forte e combativo". Tras dous 8M atravesados pola crise da covid, o obxectivo principal neste 2022 é tomar as rúas de novo e coller músculo. Ao contrario do que acontece noutros lugares do Estado como Madrid, Murcia ou Andalucía, onde a fenda que afronta o feminismo provoca unha duplicidade de convocatorias, no caso galego a organización conseguiu establecer un "acordo de mínimos" para mobilizarse de forma conxunta, se ben a Plataforma do Feminismo Radical de Galicia anunciou a lectura dos seus propios manifestos no remate das marchas.

Unha muller prepara unha pancarta de cara ao 8M 2022
Unha muller prepara unha pancarta de cara ao 8M 2022 | Fonte: Galegas 8M

Baixo o lema común de 'Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa!', 'Galegas 8M' chama no seu manifesto a "mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais" para construir unhas "vidas dignas de ser vividas". Desde un feminismo interseccional, aquel que recoñece que existen múltiples eixos de opresión - raza, clase, capacitismo, cisheteronormatividade... -que se conectan entre si, o manifesto de Galegas 8M clama pola fin das violencias machistas, da "dupla ou triple" precariedade das mulleres do rural, da patoloxización trans ou da industria da trata. Falamos con Jessica Fernández, activista feminista que forma parte da organización para debullar as reivindicacións e situación do movemento ás portas da súa cita máis importante.

Cal é o proceso de traballo e de organización de cara a este 8M?

A forma de traballo segue sendo a mesma dende que fundamos 'Galegas 8M', que é unha plataforma a nivel de país, nacional, formada por moitas mulleres independentes e moitas asociacións feministas. Organizámonos a nivel local, con grupos de traballo e equipas de deseño, comunicación, redes sociais...

Como ves o movemento feminista a nivel galego?

A nivel galego fomos quen de unirnos nunha soa plataforma e sacar adiante un movemento único en toda Galiza para facer do 8M unha soa reivindicación. Imos todas co mesmo lema e para nós iso é unha vitoria, unha batalla gañada, porque somos conscientes de que o feminismo está dividido, por exemplo, noutras zonas como Madrid. Aquí fomos quen de chegar a un acordo de mínimos para, respectando as diversidades e as diferentes sensibilidades políticas que ten cada muller ou incluso cada organización, ser capaz de facer algo de forma conxunta. Estamos cheas de orgullo e parabenizámonos a todas porque pese ás nosas diferenzas nalgúns temas controvertidos e polémicos fomos quen de poñernos de acordo e reivindicar eses dereitos para todas as mulleres coas súas diversidades. 

Estamos nun momento delicado para o movemento feminista? Que lectura facedes das correntes tan polarizadas que hai dentro da loita con respecto, por exemplo, aos dereitos das persoas trans?

 

En Galegas 8M está pendente de debate, e polo tanto non hai unha postura clara fronte á chamada Lei Trans, ou fronte a outros temas que están en controversia como pode ser a legalización da prostitución ou os ventres de aluguer. Non entramos neses debates de momento, mais témolo pendente para abordalo nun futuro. O que fixemos foi aparcar esas diferenzas e que cada colectiva ou muller participe na manifestación do 8M co seu cartaz ou faixa individual. 

 

De forma xeral, cremos que o feminismo gañou moito auxe nos últimos anos. Somos conscientes de que o 8M pasou de ser un día moi marxinado no calendario a ser unha data resaltada en todos os eidos e sensibilidades políticas. Pero tamén comprendemos que detrás deste ‘todos a apuntarse ao feminismo’, pode haber un interese por desvirtuar o propio movemento. Nós pensamos que moita da polémica que está xurdindo pode ser artificial. Si que hai diferenzas dentro do movemento, pero tamén hai un alto interese en enfrontar as feministas entre si e polarizar en bandos.

Por que hai que saír á rúa este 8M? En que asuntos cómpre poñer o foco?

Temos moitas reivindicacións pero quizais a máis importante é que pedimos unha maior implicación das institucións a todos os niveis: tanto locais, como autonómicas e estatais. Pedimos máis recursos, medios e ferramentas para previr a violencia machista, que se traballe de maneira proactiva. Así como outros anos resaltabamos máis os coidados, este ano en concreto estamos centradas no problema da trata de mulleres. Pensamos que as institucións teñen que facer moito máis do que están a facer. 

Ademais, os gobernos teñen que deter e revertir a situación de abandono e de destrución do medio rural, e tamén erradicar a fenda salarial no eido laboral, onde temos moitas limitacións. Dende o movemento feminista o que pedimos ás institucións é o desenvolvemento de programas que axuden a romper o teito de cristal e acabar con eses chans pegañentos que non deixan que ascendamos.

Tamén poñemos enriba da mesa a feminización da pobreza e demandamos uns servizos públicos de calidade e unha educación non sexista. 

O lema deste ano é ‘Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa’.

 

Queriamos aglutinar nun só lema todas as loitas. Moitas veces pasamos de denunciar as situacións de escravitude a que se nos trate como heroínas. A muller, ademais de ser nai e criar, ten que traballar fóra da casa as oito horas, ser corresponsable co resto de tarefas... Somos diversas pero temos en común que merecemos dereitos sen que nos esixan ser 'supermulleres'. Queremos unha vida en igualdade de oportunidades, sen que esa igualdade supoña o dobre de esforzo. 

 

Son moitos os dereitos que esiximos. Hai que acabar cos feminicidios e terrorismo machista e traballar pola igualdade real en todos os aspectos. Iso só o podemos conseguir facendo confluir todas as loitas, tamén contra o capitalismo.

 

No voso manifesto está moi presente precisamente a interseccionalidade das loitas. Pode en realidade facerse feminismo sen ter en conta os diferentes eixos de opresión?

 

Para 'Galegas 8M' todos os eixos de opresión conflúen no mesmo: unha sociedade heteropatriarcal. Ese heteropatriarcado é a raíz do machismo e da desigualdade en todos os espazos da nosa vida: dende a mañá á noite. Consideramos que é fundamental ser interseccionais. Non comprendemos un feminismo que non implique unha loita anticapitalista, unha loita polos servizos públicos e políticas sociais, unha loita antifascista, antirracista, anticlasista...

Máis alá do traballo diario, que importancia teñen datas de reivindicación como o 25N ou o 8M?

Son importantes porque se ben o feminismo se practica todos os días en todos os eidos, e as que nos consideramos feministas intentamos aplicar a perspectiva de xénero e a política feminista a todo o noso día a día, si que é verdade que estas datas permiten poñer os temas na axenda política e mediática. É a forma de transgredir os espazos feministas e conseguir unha maior sensibilización, coeducación e interese de toda a sociedade, non só das que xa estamos dentro.

Observas tamén certa hipocrisía nestes días? Nas empresas, ou mesmo a nivel institucional, sae a conta dicirse feminista en datas determinadas.

Nós agradecemos e parabenizamos todo o que se poida facer desde as institucións públicas e tamén no eido privado, todo o que axude a acabar coa discriminación e conquerir dereitos para as mulleres; pero claro, non deixamos de comprender que moitas veces hai unha utilización das nosas loitas. O perigoso é cando nos empregan, xa non para facer márketing, senón para desvirtuar o propio movemento e dividirnos entre nós. Ese é o verdadeiro problema. 

 

A que desafíos se enfronta o feminismo despois da pandemia?

 

Este 8M estamos á espectativa pola mobilización que poida darse nas rúas porque vimos de dous anos de pandemia con moi poucas accións nas rúas, pero coidamos que vai haber movemento porque as mulleres temos ganas de saír reivindicar os nosos dereitos. Quizais non é tan grande como a manifestación do ano 2018 pero pensamos que vai haber seguimento. Pretendemos poñernos a andar e situarnos no camiño para que no 2023 se tomen as rúas e se volva facer unha reivindicación ben grande.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta