Por Erik Dobaño | LUGO | 12/05/2025 | Actualizada ás 17:47
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non descarta que o Goberno galego recorra o decreto sobre o recoñecemento e acreditación de universidades que prepara o Goberno central se non ve unha "garantía" de que a norma fixa uns criterios obxectivos que equiparen en calidade ás públicas e ás privadas que se poidan pór en marcha.
Tras o paso avanzado pola súa homóloga na Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, en relación a recorrer este decreto, Rueda deu a entender que Galicia podería seguir un paso similar se non se cumpre esta "garantía". "Pero polo que estamos a escoitar témome que estamos ante outro exemplo de deriva do sectarismo do Goberno", advertiu.
Rueda reivindicou que a "responsabilidade directa" da Xunta é dar "fortaleza e apoio" ás tres universidades públicas galegas, antes de agregar que considera que así se está facendo. E co transfondo da que Cesuga pretende impulsar na Coruña, sobre a que a Xunta aínda non clarificou se avalará que vaia adiante ou non, agregou que o deber da Administración autonómica é tamén velar porque as que se implanten en Galicia "teñan todas as garantías".
"Eu o que quero é unha normativa que garanta que, se existen novas universidades, cumpran todas as garantías e que estean ao mesmo excelente nivel que teñen as públicas en Galicia", sentenciou. Finalmente, mostrouse crítico polas palabras do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nos últimos días, sobre determinadas universidades e a súa "pouca consistencia ou as sospeitas". "Supoño que se estaría referindo a algunhas das que el mesmo foi alumno. Bueno, analizaremos todo isto", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.