A 'arma secreta' de Putin que podería danar a economía das familias galegas

A guerra ruso-ucraína afectará ao tecido produtivo galego en sectores diversos, dende a gandaría ao automóbil. Parte dos danos serán fortuítos, pero tamén é de agardar que Putin presione cos prezos da enerxía para tentar desestabilizar as democracias occidentais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A guerra ruso-ucraína segue adiante e, con ela, afúndense cada vez máis as perspectivas económicas de Galicia e medio mundo. A desertificación produtiva do país eslavo correrá as súas consecuencias ao caso galego cando, co paso dos meses, comecen a faltar certos produtos chave para o mantemento de sectores produtivos diversos e estes se vexan obrigados a buscar equivalentes noutros mercados menos económicos.

Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína
Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína | Fonte: Cope-EFE

En suma, que os prezos irán á alza e moitas explotacións quedarán en quebra. O caso esténdese a practicamente todos os sectores produtivos imaxinables, de acordo co Observatorio Sectorial  DBK de INFORMA. Segundo apuntan estes, petróleo e gas, transporte, alimentación, automoción, química e confección atópanse entre as industrias máis afectadas polo conflito en Ucraína, de acordo coa análise desenvolta.

Neste contexto, cómpre apuntar a certos sectores que sufrirán de forma directa o envite da guerra ucraína. En xornadas pasadas, os produtores da provincia de Lugo xa alertaron da escaseza de aceite de xirasol, produto típico de Ucraína e que deixaría de chegar ao país con motivos dos cortes producidos polo conflito bélico. 

O PROBLEMA DO GAS

Con todo, o principal problema non estará tanto en produtos particulares de certos sectores senón na alza xeral dos carburantes, e máis precisamente no gas. Cos dereitos de emisión de carbón polas nubes grazas á política verde da Unión Europea e o petróleo como un ben cada vez máis escaso, todas as olladas quedan postas no gas natural, recurso do que Rusia controla os maiores xacementos coñecidos.

É de agardar que, nun contexto de sancións económicas e ruptura de relacións, o país dos antigos Soviets tente botar man do talante especulatorio ao máis puro estilo Wall Street para inflar os prezos ao máximo posible e recuperar a súa maltreita balanza de exportacións. Máxime con boa parte das reservas de capital en bancos extranxeiros conxeladas por decisión das autoridades occidentais.

Pero, tamén, a suba do prezo de gas obedecerá a unha tentativa de desestabilización económico-política. Rusia é consciente da dependencia crecente do gas que aqueixa aos países europeos, e non dubidará en botar man desa asimetría para tentar dificultar o correr das economías occidentais. E esta é unha materia que merece preocupación especial.

O problema da suba de prezos dos carburantes é que adoitan provocar unha inflación xeralizada, porque interveñen en todos as etapas da práctica totalidade dos procesos produtivos. Así pasou coa crise do petróleo do 73: o crudo sobe de prezo e este, ao empregarse para elaborar ou transportar unha ampla maioría de produtos, traslada o seu encarecemento aos mesmos.

DOS GANDEIROS Á AUTOMOCIÓN

Polo tanto, é de agardar que a xa disparada factura da luz siga subindo chanzos nos meses vindeiros, a pesar das encarecidas promesas de Pedro Sánchez de que volvería aos niveis do ano pasado. Pero, tamén, Rusia e Ucraína son países produtores de certas materias primas e produtos elaborados que resultan cruciais para a marcha do sector primario nas súas vertentes agraria e gandeira, circunstancia que podería dificultar aínda máis a supervivencia das explotacións de Galicia, xa en situación de dificultade no eido do leite e a carne. 

"Rusia e Ucraína contan cunha importante produción de trigo, millo e cebada e os cereais constitúen a cuarta partida máis relevante nas importacións españolas destes dous países e o 17 % sobre o total nacional de importacións de cereais. De Ucraína tamén chegan aceites e graxas vexetais por valor de 450 millóns de euros", explican dende DBK en relación a unha problemática xa apuntada polos produtores lucenses. 

Haberá tamén que falar dos sectores afectados pola actividade siderúrxica e metalúrxica de Rusia e Ucraína, unha parte da economía galega que nada ten que ver co forte tecido produtivo previo á entrada na UE pero que agora podería enfrontar outra longa noite de pedra. "Automoción, fabricación de maquinaria, electrodomésticos e electrónica poden sufrir o aumento de prezos nestes materiais pola guerra, que engadirían ao encarecemento das materias primas que levan meses soportando", apuntan dende DBK cuns detalles que deberían resoar, entre outros, na fábrica de PSA en Vigo, aqueixada xa dende hai meses pola chamada crise dos microchips, que está obrigando a desenvolver paradas técnicas en boa parte da súa estrutura produtiva. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta