Retiran máis dunha tonelada de residuos mariños nos fondos do illote Guidoiro Areoso

Por E.P. | Arousa | 05/03/2022 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

Máis de 50 voluntarios limparon este sábado máis dunha tonelada de residuos mariños dos fondos do illote Guidoiro Areoso, na Illa de Arousa, nunha actividade de limpeza de lixo mariño que se inclúe no marco de Plancto, o Plan de Conservación Territorial impulsado pola Obra Social de Abanca.

Voluntarios participan na limpeza de residuos no illote Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa)
Voluntarios participan na limpeza de residuos no illote Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa) | Fonte: Abanca.

Convocados por Afundación en colaboración coa Confradía de Pescadores da Illa de Arousa, o Club Subacuático Pérez-Sub e o Concello, conseguiron retirar 1.150 quilos dos fondos mariños.

En total participaron 14 embarcacións que partiron en dirección ao Guidoiro Areoso, onde realizaron as inmersións. Alí retiraron nasas, restos de cabos e cordas dediferentes grosores, conxuntos de redes enmarañadas e outros aparellos extraviados durante a actividade pesqueira.

Cos quilos recolleitos nesta xornada de limpeza, conseguíronse retirar xa case 20 toneladas de residuos de diferentes praias e fondos mariños de Galicia. Unhas actuacións que continuarán a próxima semana nas Rías Altas, cunha nova limpeza de praias, neste caso, na de Area no Concello de Viveiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta