Ángeles Vázquez e Sogama, premios Dioxina 2021 por "malas accións contra o medio ambiente"

Os galardóns, impulsados por Adega, tamén premian en positivo a loita fronte á invasión eólica, o estudo dos ecosistemas fluviais e a vitoria xudicical da Asociación pola Defensa da Ría.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2022 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

Chega a 21ª edición dos premios Osíxeno e Dioxina de ADEGA. Con eles, a asociación quere subliñar "o mellor e o peor do pasado ano" desde a perspectiva ambiental e ecoloxista.  En positivo, neste ano prémiase en positivo a loita fronte a invasión eólica, o estudo dos ecosistemas fluviais e a vitoria xudicial da Asociación pola Defenda da Ría fronte ENCE. Do lado negativo, destácanse as "malas actitudes e accións contra o medio ambiente galego" por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e de SOGAMA.

Ángeles Vázquez comparece nun pleno do PG, en imaxe de arquivo. XUNTA
Ángeles Vázquez comparece nun pleno do PG, en imaxe de arquivo. XUNTA

PREMIO OSÍXENO DE HONRA 2021

ADEGA concede este premio a Fernando Cobo, profesor titular do departamento de Zooloxía da USC e exdirector da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, polo seu "excelente traballo á fronte deste centro de investigación durante máis de 16 anos e a súa constancia no impulso de proxectos e estudos que contribuíron a coñecer máis e mellor os nosos ríos, tanto dentro, como fóra das nosas fronteiras". ADEGA tamén destacar a súa "actitude colaborativa co ecoloxismo galego, ao que ten demostrado o seu apoio en multitude de ocasións, ademais de achegar de forma altruísta asesoramento técnico e datos científicos".

PREMIOS OSÍXENO 2021

Nesta categoría, ADEGA galardoa as mellores actitudes ou actuacións ambientais do pasado ano 2021. En concreto, o Premio Osíxeno individual 2021 vai para Aranza González, presidenta da Asociación Aire Limpo nas Mariñas e secretaria da Comunidade de Montes Veciñais de Monte de Gato, pola súa "actitude resilente e mobilizadora fronte a invasión eólica das Terras do Mandeo e As Mariñas Coruñesas e, en xeral, de todo o rural galego". O Premio Osíxeno colectivo 2021 concédese desta vez á Asociación Para a Defensa da Ría (APDR), que en 2021 conqueriu unha importante vitoria xudicial para o futuro da ría de Pontevedra. 

PREMIOS DIOXINA 2021

Estoutros premios entréganse a persoas e colectivos que protagonizaron as accións ou actitudes "máis nefastas" para o medio ambiente galego durante 2021. ADEGA acordou por unanimidade outorgar o Premio Dioxina Individual 2021 á actual conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, "por non respectar os órganos de participación pública e vetar a votación da moratoria eólica no Consello de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel". "Durante 2021, a Conselleira de Medio Ambiente fixo caso omiso das constantes apelacións do ecoloxismo e da sociedade galega en xeral que a instou ampliar a rede de espazos protexidos e a actuar contra as ilegalidades e os abusos das empresas enerxéticas", engade ADEGA.

Por último, a organización concede o Premio Dioxina colectivo 2021 ao Complexo de xestión de residuos de SOGAMA, "por mentirlle descaradamente a sociedade galega sobre os seus avanzos na adaptación á economía circular e á sutentabilidade e constituír un lastre ambiental, económico, histórico e social para o cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos", di ADEGA.

ACTO DE ENTREGA

Os galardóns serán entregados no decurso da 46ª Asemblea Xeral de ADEGA, o domingo, 27 de marzo, ás 13:30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames).  Neste acto tamén se fará entrega efectiva dos galardóns Osíxeno e Dioxina de 2020, que o ano pasado non puideron ser entregados presencialmente por mor da pandemia da Covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta