Pensionistas galegos... sobrevivindo como se pode

A situación económica actual trae candasí a suba dos prezos en produtos esenciais e básicos. Isto en Galicia supón un obstáculo diario para os pensionistas, cuxas pagas mensuais son as segundas máis baixas do Estado. E dentro do país, as persoas xubiladas no sector agro-gandeiro continúan a ter os “retiros” máis baixos, con medias que apenas pasan dos 700 euros por mes.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Carta Social Europea recolle no seu articulado que as pensións teñen como obxectivo permitir vivir dignamente ás persoas xubiladas para que non vexan reducido o seu poder adquisitivo. Durante a crise do 2008, grupos de pensionistas en todo o Estado organizáronse para protestar contra os recortes en gasto social que incluían as pensións. Coa suba da luz, de produtos de primeira necesidade, a COVID e agora coa guerra en Ucraína, as pensións apenas están dando para vivir dignamente aos e ás pensionistas.

Xente maior. MINISTERIO - Arquivo
Xente maior. MINISTERIO - Arquivo


PENSIÓNS DIGNAS

Xosé María Torres Reino, CIG, describre a pensión mínima aquela que fixe o Estado e “sexa igual ao salario mínimo, que en 2021 foi de 1.150€ que vén sendo o 60% do salario medio en Galicia”. Esa porcentaxe segundo Torres, é a recollida pola Carta Social Europea. Examinando máis polo miúdo as pensións galegas, o ano 2021 a retribución por retiro media en Galicia foi de 865,94€ por mes, 84€ por debaixo do SMI. “A pensión media no Estado anda polos 1017,97€” di Torres, o que son 152€ máis que a pensión media galega.

Alberto Torres, CC.OO, apunta en primeiro lugar ás políticas dos gobernos de Mariano Rajoy en canto pensións “con aumentos tan insignificantes do 0.25%”. Estas políticas motivaron unha “reactivación” do Pacto de Toledo logo de negociacións entre o Goberno central e os axentes sociais finalizadas en 2021. “Conseguiuse un incremento en base ao IPC anual que sería avaliado no mes de novembro de cada ano”.

No caso galego débese engadir que 415.000 pensionistas están cobrando unhas pensións de 736€ mensuais. Estas cifras sitúannos só por encima de Extremadura en relación ao resto de CCAA. Por que estas diferenzas? “As causísticas van desde pensións agrarias mínimas, termos poucos sectores industrializados” sinala Reino.

“En paralelo ao aumento do SMI aos 1.000€ sería necesario un aumento equiparable sobre todo nas pensións mínimas” matiza Torres. Máis alá disto último, coa actual suba de prezos, os pensionistas senten que os seus ingresos non dan para facer fronte ao encarecemento mesmo dos produtos básicos. Preguntado sobre cal sería o incremento actual do IPC sobre as pensións, Torres de CC.OO apunta que “de momento non se teñen cálculos, no mes de novembro terase coñecemento das porcentaxes que se aplicarán en 2023”.

CIFRAS

Cando se fala de pensións, os sindicatos apuntan a necesidade de distinguir entre as pensións brutas e as netas. As primeiras son a cantidade total antes de impostos, as segundas son despois de impostos (IRPF). Estas últimas teñen unhas retencións que poden chegar a un 20% de desconto. Logo están as pensións mínimas sobre as que non se aplican descontos.

A pensión máxima en España, logo da revalorización realizada polo Goberno nun 0,9%, é de 2.819,19€ mensuais para 2022. Desta cantidade restaráselle o IRPF que pode deixar un resultado final lixeiramente superior aos 2.200€. Curiosamente, desde a UE lanzouse unha proposta pola que as pensións non coticen co IRPF, pois en teoría non son salarios, que a cotización debera calcularse mediante outras operacións que diminúan ou rebaixen a cantidade a reter.

Outro extremo sería que polo actual contexto, crise-COVID-guerra, houbese unha conxelación xeral nas pensións actuais. Sería posible este movemento logo dos acordos de 2021 e ante os reclamos de aumento por parte de pensionistas. “Non, manterase unha suba positiva tal como se ten pactado, se se produce unha suba nos custes moi elevada, manterase o IPC positivo do ano anterior” sinala Torres de CC.OO. “Por outra parte, conseguimos que se financie os orzamentos para pensións coa aportación dun 2% do PIB”.

Actualmente o Goberno central está aplicando incrementos calculados en base ao IPC medio, sumar os incrementos mensuais do IPC e dividilo entre doce. O resultado sumarase á cantidade cobrada por cada pensionista entre os meses de xaneiro e febreiro. Todo isto non deixa atrás que Galicia sexa a segunda comunidade coas pensións máis baixas do Estado con máis de 900.000 pensionistas, dos que case a metade reciben pouco máis de 700€. Os motivos? O contexto socioeconómico galego e a súa falta de investimentos en desenvolver tecido industrial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta