Enfermeiras e fisioterapeutas concentraranse este mércores para esixir ao Sergas "condiciones laborais dignas"

Falan de "grave deterioración e precariedade que sofren os hospitais, centros de saúde e outros centros sanitarios e sociosanitarios de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/03/2022 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

Enfermeiras e fisioterapeutas concentraranse este mércores fronte á sede do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Santiago para "esixir solucións que acaben coa grave deterioración e precariedade que sofren os hospitais, centros de saúde e outros centros sanitarios e sociosanitarios de Galicia", así como unhas "condicións laborais dignas" que lles permitan realizar o seu labor asistencial e de coidados "con todas as garantías para os pacientes".

Enfermeiras concéntranse en Vigo para denunciar a eventualidade dos contratos que oferta o Sergas.
Enfermeiras concéntranse en Vigo para denunciar a eventualidade dos contratos que oferta o Sergas.

Así o informou o Sindicato de Enfermaría (Satse), que sinala que esta nova concentración, convocada ás 11,00 horas, súmase ás xa realizadas o 10 e 22 de febreiro nos centros de saúde e hospitais de Galicia, respectivamente, dentro da súa estratexia xeral de accións reivindicativas e mobilizacións co obxectivo de que as administracións públicas e partidos políticos destinen os recursos e medios necesarios na sanidade pública.

"Esiximos respecto e dignidade, tanto para os profesionais como para a cidadanía", apunta Satse, que apunta que o foco reivindicativo porase, nesta ocasión, no Sergas "ao constatarse que, a pesar do comprometido no peor da crise sanitaria da Covid-19, non incrementou o seu orzamento de maneira adecuada e suficiente, nin tampouco os recursos e medios necesarios, para prestar unha atención e coidados con calidade e seguridade".

"Unha crítica realidade que numerosos profesionais veñen denunciando desde hai semanas, demandando, a través das redes sociais e outras vías de comunicación, todo tipo de mobilizacións e accións de presión social", expón o sindicato, polo que Satse confía en que participen na concentración convocada.

Así mesmo, o Sindicato de Enfermaría anima aos estudantes de Enfermaría e Fisioterapia, familiares de profesionais, e a asociacións de pacientes, usuarios e consumidores, entre outros colectivos sociais, que "queiran tamén manifestar o seu cansanzo e profundo malestar pola situación actual", a que se unan á súa reivindicación de "desbloqueo da Lei de Seguridade do Paciente".

"Unha lei de cocientes de enfermeira paciente que, sen dúbida, vai repercutir na mellora da calidade e seguridade da sanidade para todos e todas", conclúe este sindicato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta